O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Non sabe o que ten de seu
Nin é merecente dela.

("Da Vella Roseira", Victoriano Taibo)

Voto e aborto

OUUUUuuuu...Entrada adicada á miña compañeira que con grande lóxica se sinte confundida con tanta polemica ó redor da lei do aborto.

Ela pensa que se trata do mesmo xuizo ou prexuizo que hai 100 anos se aplicaba cando se falaba do dereito ó voto das mulleres, algo completamente incuestionable agora, e se quería rebatir tal dereito dicindo que as mulleres votarían por motivos "futiles".

Tamén se tivo a mesma reacción cando se promulgou a lei do divorcio e agora moita da xente que se opuxo con virulencia a esa lei xa fixo uso dela incluso mais de unha volta.

E co tema de idade?. Ou seña que unha rapariga de 16 anos como a nosa podería decidir independentemente poñerse ou quitarse os peitos ou facerse unha ciruxía estética e non podería face-lo mesmo por correxir un erro própio (e alleo claro).

Son bastante reacio a darlle mérito a alguén como Viviana Aído que ten como único mérito ser afillada do señor Chaves e penso que ter un ministerio da igualdade é o recoñecemento mais humillante de que as mulleres non poden chegar a ser iguais por sí mesmas mais na argumentación a prol da reforma da lei do aborto coido que atinan bastante o malo é que o sistema politico fai que a aprobación da mesma dependa non dos argumentos senon de xogos florais que pouco ou nada teñen que ver coas mozas que quedan embarazadas sin querelo ou (peor aínda) sen poder/saber evitalo.

Logo a clave voltaría a ser o voto. Porqué o goberno non propón que esta reforma sexa sometida a referendum? Si se perde quedaríase como está o que non é óptimo mais sí mellor que non ter lei sobor de todo sabendo que xa non é penable ter abortado.

Visión da lingua.

OUUUUuuuu... A Mesa publicou un manifesto para o día das letras co que concordo en algo mais non en todo así que o adapto mais non o adopto:

1.- Os cidadans de Galicia temos dereito a que a nosa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no ámbito territorial da Comunidade Galega. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua no territorio de Galicia. O galego corre perigo como idioma e os galego falantes non son respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.-. Correspóndelle ós cidadans de Galicia, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que o actual Estatuto recoñece. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos.

4.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país. Defendemos un dereito que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.

A desfeita de Hespanha

OUUUUuuuu... Onte foi un deses días nos que a xente semella sair do seu catatonismo habitual cara a un estado de exaltación irracional e irreflexivo que os leva a facer o contrario do que din pensar diante dos que dín se-los seus enemigos.

Os humanos temos a estrana virtude de crernos co uso da razón ata tal punto de perdela completamente facendo forza con ela.

Onte milleiros de persoas de Euskaleherria e Catalunya acudiron a Valencia para ver un ¿espectáculo? deportivo denominado "copa del rey" (de Hespanha) facendo gala da súa condición de seguidores incondicionais da equipa correspondente e alineandose 'implícitamente' con teses políticas que tamén de xeito oportuno aproveitaron para facer proxelitismo das súas siglas postas en paralelo a esas cores e con elas as bandeiras das nacions correspondentes.

Como acto institucional da REAL federación Española de Futbol e co apoio do goberno e a participación da xefatura do estado a citada competición deportiva ten un protocolo que inclue a entrada do cidadán Juan Carlos de Borbón xefe do estado "ad perpetuam" en contra de calquer principio democrático ó són da 'marcha de granaderos' que é o himno do estado.

E claro, símbolos contra simbolos e números contra números, e coa fiestra que é de cara ó mundo a televisión, e co engadido de unha campaña política aberta que vai dirimir si as forzas centrífugas xa non poden acadar mais representatividade e como se presenta o panorama político estatal nos vindeiros meses...o acto/evento/competición convertiuse nun simple manifesto político no que a exaltación dos hinchas foi aproveitada convintemente por uns e manipulada por outros.

Así as cousas o nacionalismo centrífugo fixo a incoherencia de acudir a unha "copa de Hespaña" para celebra-la como si unha victoria sobre a propia crise fose. O nacionalismo centrípeto tivo 1 mes para sinalar este partido como o aquelarre das forzas malignas que provocan a perdición de hespanha e os 4 millons de parados...

Semella que esta xente só é capaz de se expresar facendo destrozos ou insultando pero son mais perigosos os que agochados agardan calquer incidente para alza-la súa voz contra a libertade de todos porque uns cantos abusan dela.

Debate agudo, grave e obtuso

OUUUUuuuu...Chega o debate do estado no estado; e vai tratar de solucions 'de estado' para mellora-lo estado das cousas? moito me temo que non.

Si hai algo no que se concorda nestes días, en xeral, é que esta falla de confianza que é a crise tivo á súa orixe no mundo do capital, do financieiro, nun sistema de 'xogos florais' con cifras no que, non se explica un como, alguns gañaban sen mover un dedo cifras proporcionalmente OBSCENAS respecto das persoas que realizan unha tarefa, un traballo ou unha actividade. O mundo de cristal quebrou mais eles seguian a festexar, xa cos cartos dos IMPOSTOS, pedindo mais fondos; como dixo Sarko: "démoslle os cartos ó zorro no canto dos gandeiros".

O fracaso da banca para recoñecer a sobrevaloración de activos, algo que ela mesma non perdoaría a ningún cidadán que pedise un préstamo, fixo que o becerro de ouro deixase de circular e nos meteu nunha espiral de caida de actividade que, debido á falla de ideas e de alternativas de xestión no mundo empresarial en xeral deu en despidos como vía mais doada e BARATA de rebaixa-lo montante das perdas ata que isto 'escampe' eso si non se optaba por colle-la mala e marchar deixando todo tirado.

Así que agora os nosos IMPOSTOS teñen que, por unha banda, garantir que a banca funcione e que os aforros da xente non se perdan (eso é discutible porque cada quen mete os cartos onde quere) e pola outra turrar da actividade no mais puro estilo Keynesiano para mante-lo emprego. A mais delo este estado, seica, tenta mante-la ampla (e necesariamente ampliable) cobertura social (seguro de desemprego, subsidios, PER, pensions, dependencia, sanidade...) todo o cal se fai apostando ós nosos impostos actuais e futuros (déficit) como si dunha aposta de revalorización á inversa se tratase.

A brutalidade das cifras do paro e da rebaixa da actividade fan desta a crise mais aguda que os tempos viron (fora da guerra) e son tamén cifras que xogan contra os ingresos da administración actuais e futuros o que fará que cada punto de déficit de hoxe sexa un pouco mais no futuro. Para exemplo os ingresos por IVE (agás o "centimo sanitario") que se reducen proporcionalmente á actividade económica.

Así pois, a gravedade da situación e as ameazas xa coñecidas ('peak-oil', contaminación, incremento de idade da poboación, troco do clima, conflictos globalizados...) se veñen a engadir novas (Nova gripe, rebaixa da cohesión social...) que deberan poñerse enriba da mesa á hora de articular solucions e de aportar ideas para sair desta situación.

A reforma do sistema financierio internacional de xeito que impida a formación de grandes depósitos de capital opacos ó ben común e á solidaridade semella ir quedando no segundo plano (como aquelo dos monocascos dos petroleiros) mais aínda que estivese xa realizada non sería dabondo. Hai debates que non se poden deixar mais tempo: O modelo de consumo. O modelo enerxético e de transporte. A relación da humanidade e a súa actividade co medio. A conservación de espazos e hábitats naturais.

No canto de iso temos debates obtusos sobre si mais protección social é mais impostos ou si menos proteccion social e, polo tanto, menos impostos que só redundan na importancia do becerro de ouro cando todas esas gargalladas colgan das grandes cuestions arriba plantexadas.

Os prazos corren, os recursos esgótanse, os danos acumulanse e seguimos un pouco atrapados entre o dereito de uns poucos e o dereito de tod@s.

As 7 pragas de Abril

OUUUUuuuu...Desta deixei pasar Abril sen escribir moito porque a situación mantenme alerta e dese xeito as verbas saen escuras, agrias, fedorentas.

A enerxía, o medioambiente, o clima, a falla de confianza dos mercados, a usura, a desfachatez dos gobernantes e agora A Pandemia de gripe.

Como veño seguindo o tema no cuadernillo non vos vou machacar eiquí no canto da gripe; mais, ¿caestes en conta que o tremor de hoxe em Mexico foi de 6 R e non houbo tantos danos nin mortes?. Se cadra "chiquilusconi" (ese que dirixe italia) non debería facer tantos chistes -humor negro- e adicarse a analizar esa situación. Pode que en Italia a gripe non tivese tantas vítimas coma en México? eu coido que igual ou peor (os italianos son mais de bicar e abrazar) e dende logo a difusión tería sido maior.

Bueno; que como dí aquel de twitter: Non é a fin do mundo mais dá para moito que pensar, e mais que esbardallar. Eu, si puidera, mercaba accions de Tamiflú que van subir como a escuma, mercaba tamén mascarillas das boas e uns kilos de latas de conservas...é vos o que hai.

Agora en serio; vexo signos de alarma: o Presidente (non presente) negro, Crise de obxectivos, Crise de confianza e Enfermidades. Unha sociedade confusa e cansa sen abandoar completamente valores caducos nen establecer plenamente un novo paradigma.

Con principios "a medias" como o de 'soberanía popular' tutelada por un exercito ou o de Democracia cunha xefatura do estado hereditaria... O único claro son os feitos e istes indican que alguén conqueriu estafarnos a tod@s para seguir mantendo unha marxe de beneficios inmorais cando tiña que ter pechado/quebrado si se seguisen os seus principios de: "mercado, mercado, mercado"; e agora a Espe vennos con chistes sobre o inmoral do incremento salarial dos funcionarios nesta situación...Que llo diga ós empresarios e, sobor de todo, á banca; que lles diga que teñen que estar 3 anos gañando pouco que co IPC en 0 non teñen necesidade de incrementa-lo beneficio, que lles diga que non despidan á xente como único recurso para "mante-la competitividade" que lles diga que non se queixen de que o despido é caro cando eles despiden 4 millons de persoas...

O paradoxo da árbore

OUUUUuuuu...

Na casa dos meus vellos, en Lalín vai para 20 anos prantei dúas nogueiras...


Unha delas houbo que 'pinchala' vai 4 anos porque metía as raices no puzo (o puzo que se fixo dempois de prantada a nogueira, que quede claro).

A outra, semella, vai ser vítima do PLAÑ polo que o concello de Lalín cos cartos do goberno do estado fai facer aceras novas ou renova-las existentes. Así pois mentras nalguhas beirarúas das vilas e cidades se prantan árbores aínda que estorben para circular con sillas de neno ou carros de compra, neste caso se vai talar unha árbore para facer unha beirarúa o dobre de ancha...que non deixamos rampas para as sillas...e?, que non hai ese ancho de beirarúa en lugares con mais transito...e?...

Chamámoslle progreso a tantas cousas...

Eu vou teimar...que sempre coidei que as cousas feitas polas mans dun ben valen un esforzo.

A anunciada.

OUUUUuuuu...Chega a "embestidura" e o Sr. Feijoo vai a ter que alterar algo o seu discurso porque ZP moveu o banco e fixo un novo goberno mais político como cargando sobre o partido a responsabilidade da recuperación. Si lle sae ben poderá gaña-las vindeiras eleccions pola contra si a crise é, como semella, algo alleo que se viu potenciado por fallas estructurais como o monocultivo do ladrillo, a baixa productividade e o baixo investimento en I+D+i verdadeiro motor das economías desenvolvidas.

O asunto vai ser que un goberno de dereitas vai reivindicar dende Galiza o que nunca reivindicara e que haberá que grabar cada petición e repasala ben porque a volta da esquina pode vir un novo "goberno amigo" que faga posible esas peticions.Como grabadas deben estar as promesas del mesmo as que dixo e as que obviou que son as mais importantes agora.

Neste tempo de procesions e sangrias/limonadas os penitentes son os milleiros de parados que confiaron nunha bonanza sen fin e os que confiaron os seus aforros ós cantos de serea de quen levaba os beneficios cara a investimentos lonxanos hiperproductivos e "segurísimos"... dúas situacions que pouco teñen que ver co beneficio da banca que fixo malos investimentos cos fondos neles depositados. A diferencia é que á banca hai que rescatala por non sei ben que papel "imprescindible" e ós traballadores e aforradores non. O curioso caso do modelo no que ningúen é imprescindible salvo quen preconiza o modelo.

Chega o seu fin a aventurilla de alguns que 'quixeron voar' e perderon contacto co chan e agora aterran... deixando fora moitas ilusions e unha lousa enriba do patrimonio común dos galegos.

A lingua falsa e a lingua afiada

OUUUUuuuu... Falsa debía se-la lingua do vil debate, mais vaille custar á lingua d@s galeg@s outra reviravolta lexislativa liberadora...de odios. A sociolinguistica é unha ciencia e fai estudos empregando ferramentas científicas universalmente aceptadas e que determinan si un estudo é válido e si dous ou mais estudos son comparables; a tertulia radiofónica non é unha ciencia e non require nin ler ou ter coñecemento directo do que se está a falar para cobrar uns cartiños por pasa-lo rato e "sentar cátedra". Así sentanse 4 a falar dun estudo sobre o estado da lingua galega e a comparación con outro estudo feito vai 15 anos e ningún dos 4 leeu o primeiro e moito menos sabe si é comparable co segundo.

Falar por falar falo eu; que vou pola rúa en Ponferrada e escoito falar galego a alguns cidadans case sempre maiores e case sempre en grupos de 2 ou 3. Tamén sei onde morre o galego: "no berce dos recen nados" ós que, nin sequer ás avoas que rematan de falar polo mobil en galego coas amigas ou a familia, lles adican un agarimo na súa lingua 'vernacula'. Debería facer un estudo sesudo do estilo dos da RG para concluir...o galego progresa como ferramenta de comunicación entre os que o falan (intégrase nas novas tecnoloxías como o teléfono mobil) mais non terá falantes novos de seu en 10 anos.

Alguén na RG chegou a dicir que habería que obrigar de algun xeito... si obrigación xa hai, mais ninguén a exerce. Si un cidadán recibe un documento oficial no que o seu nome non figura tal e como está no DNI non o pode rexeitar si a semellanza é 'razoable'. Si ó funcionario do rexistro lle peta non acepta un documento co nome dun raparigo en galego e NADA vai suceder ó respecto. Mais o que verdadeiramente dá pena é que solicitar que eses preceptos legais se cumplan é "buscar problemas" e os "villinguistas" non saen a defendelos... o caso ten mal pronostico meus e dificil solución.

Tí fixéchesme...

A tí que me fixeches
a tí que me fas
a tí que me ensinaches
e a tí que me ensinas
Carballo e Orquidea
xigante e amiga
Pai de pai
compañeira na vida

Guia e meta
Inicio e camiño
a vós que non tendes día
este día vos adico.

A cuarta lúa.

Vin enche-la primeira lúa
prata sobre a lonxana Prata.
A segunda enfeitizoume
con fachós polos carreiros
correndo cos peliqueiros
e coa cinza abandonoume.
Na terceira tornecei,
reviravolta da vida,
e cheo de anguría e medo
alzo os ollos cara o ceo
e troco o desexo do luceiro
por unha cuarta lúa chea
na feitura do seu xeito
e preso da súa ledicia.

Dando CERA ata o remate

OUUUUuuuu... Cos resultados DEFINITIVOS debe chegar a análise e o atiramento de conclusións.

Agora queda demostrado quen e porqué non ten interese en que os residentes ausentes exerzan o dereito ó voto coas mesmas garantías e condicions que os que votan no territorio dos 'cómicos'. Esta sería unha durísima pugna a pouco que se houbese gobernado con entereza e feito unha campaña positiva e con propostas de calado.

O resumo; o BNG perdeu un escano en A Coruña, sobor de todo na capital, porque se deixou enfundar nun traxe que non é o seu tras unha lexislatura na que SEMPRE andivo a remolque do PSdG e non soubo xestiona-los temas importantes.

O prezo de sumarse a un goberno por ter poder e non saber dicir "basta" mais que en contadas ocasions, tan evidentes (negociacions presupuestarias estatais) que non fixeron senon empeora-la imaxe do nacionalismo centrífugo tanto fora como dentro do pais; o prezo de ir dando tumbos e bandazos na estratexia de comunicación e non saber facer 'visibles' as diferenzas co período anterior ainda agora no intre da derrota... séguese a falar de elementos puntuais (o coche, o despacho, un decreto...) e non de políticas i estratexias de pais (Banco de terras, instituto de investimento, instituto lacteo galego); brilaron os fallos propios e os alleos atribuidos (dependencia, infraestructuras...) e, grande erro, entrouse na trifulca da lingua como un elefante nunha cristalaría dando a supoñer obligatoriedades e proteccions que pouco tiñan que ver coa realidade desta fenecente ferramenta de comunicación.

O peor non son as eleccions perdidas senon os argumentos estragados; facer 'diego' onde se dicia 'digo' (Galaria, Consosrcio, Cidade da Cultura...) e non ter feito antes nen agora unha análise aberta das ferramentas de xestión da administración que mais conveñen ó bó cumprimento dos fins que os cartos dos impostos teñen. Autorizar e manipular, sendo uns pipiolos, concursos que nin o vello león se atreveu a convocar; 'tragar' en silencio con planos desenrolistas de dubidosa legalidade e nula moralidade... Non houbera sido mellor sair do goberno vai 1 ano cando quedou claro o bloqueo do novo estatuto?... eso decepcionou incluso ós mais próximos.

E agora, non saber acepta-lo resultado e a responsabiliade do mesmo tentando gañar tempo con manobras propias de vellos tempos. Good save queeeennn(tana) supoño que non voltarás ó teu choio senon que te farás 'asesor' ou cousa polo estilo.

Galicia Bloqueada

OUUUUuuuu... Resúltame de todo xeito increible que nestes intres Galicia leve 1 semana coas dúas autovías de acceso que teñen cortes (a A6 en Trabadelo e a A52 en A Gudiña) e ningún "PERIODISTA" se preocupe de cales son as orixes e as consecuencias de ditos cortes nas vías que se diseñaron e construiron como principal pulo para o desenrolo económico do pais.

Si se vai respostar que se trata de unha 'situación puntual' debe terse a precaución de considerar que os cortes teñen previsto períodos que pouco teñen de puntuais. Si se pensa falar das alternativas (N-IV, N-525 y N-120) permítome lembrar que as dúas primeiras levan 9 anos 'a monte' e que a N-120 ten grandes dificultades para absorbe-lo tráfico que ten e que, á altura de Os Peares, presenta o mesmo problema enquistado de terreos mal preparados ou non adecuados para o paso de unha vía de alta capacidade...

Lonxe estou do desexo de sinalar a este ou aquel partido ou político que participou no 'rallye' que foi a construcción destas autovías mais sí de poñer en claro os defectos de planificacion e execución desas obras e sinalar, agora si, que se faga un esforzo para non tapar chapuza con chapuza e facer un replantexamento das infraestucturas e unha execución axeitada das mesmas que garantan dentro da lóxica a súa estabilidade porque non é de recibo que no 2º inverno duro que teñen que soportar se derrumben así.

En mans dos que non están.

OUUUUuuuu... Como xa sabíamos sen ser gurús das enquisas nin do tema electoral o futuro goberno galego vai quedar en mans do voto CERA, os que non están e, moitos, nunca estiveron no pais e alguns nunca virán a él nin saberán nada da cultura ou da lingua...

O esperpento do voto CERA se vai convertir nunha constante das votacions en galicia. Esperpento porque non ten moito sentido que estas persoas voten, porque non é de recibo que voten sen garantías e non é de recibo de ningún xeito que o seu sexa o voto determinante de 3-4 escanos do parlamento do hórreo. E se van convertir en constante porque o bipartito 'auténtico' (PPdG e PSdG-PSO€) non ten vontade ningunha de correxir isto.

Alea jacta est.


EDICIÓN 23:00

Pois VSQN; non vai ser preciso esperar polos votos CERA, o derrumbe do BNG en Coruña (sobor de todo na capital) e do PSdG en Pontevedra (en Vigo) outorganlle a maioría ó PPdG.

Good save the Queen (dancing quin)... colleitase o que se sementa e a maior perda destas eleccions non é a do goberno, senon a dos argumentos e mais coa guerra xudicial que hai agora; vai haber "ondonadas de casos", preveo.

Por certo, acabouse o argumento de que a abstención sostén á dereita... non hai mellor fertilizante que un goberno mediocre e uns medios ben alineados.

Piñata reflexiva

OUUUUuuuu... Rematou a mascarada, os farrapos sucios, as encerronas con mal cheiro, os picores e os zurriagazos e é agora cando mais me alegro de non ter a responsabilidade de votar nestas eleccions de galegolandia porque tras 6 meses de campaña descarada o votante queda só diante dun fato de acusacions e promesas que non propostas e moito menos explicacions ou programas (si, eu son dos da verba esa maldita).

"Vou facer" sin dicir como, "imos acadar" sen explica-lo prezo, "Non consentiremos" sen debulla-los mecanismos... é o estilo da política ó que esta proto-democracia nos ten habituados. Os votantes como nenos de teta ós que hai que atraer cun caramelo (ou cunha viaxe) e boas verbas; un insulto á intelixencia.

As campañas cada volta son mais trampulladas contra trampulladas, demostracions valeiras de contido positivo propio e cargadas de ataques e descualificacions a cada unha mais persoal. Que ten de malo saca-la licencia de Patron de embarcación deportiva? seica hai que respostar ós tópicos e non se pode ser político de esquerda e ter 'certo nivel', é mellor ser político de dereita e ter un 'handicap' alto ou ter a licencia e o Iate, non é?.

E por riba houbo a quen lle pareceu mal que se fixera troula coa campaña; eu non o entendo, os políticos puxeron a campaña no entroido, non ó revés. Así que tiveron que aturalo.

Remata este longo "Carnaval" electoral ca derradeira máscara: a da participación, a orde, a limpeza trapala trapala e unha chea de xente carretando xente ou vixiando quen vai ou non a exerce-la súa obriga de votar...malia que o poñan tan dificil.

Entroido 2009

OUUUUuuuu...Cando semellaba que iamos pasa-lo entroido mais frio e nevado dos que levo ido ás máxicas terras do támega, veu un tempo macanudo para a festa. Nin frio, nin auga, nin neve.

Foi unha festa variada; tradición e novidade cun ingrediente ata o de agora non probado: A campaña electoral. Así que lle demos a todo dende o principio, rachando co Folión do venres.

A saída mais carnavaleira do sábado



Dani sacou o cigarrón con gran orgullo, e pasouno pipa mallando nos "rambos" na praza...

Pose de peliqueiro

A especial cita do domingo co rei da festa: O peliqueiro

Volta de peliqueiro

Logo chegou o momento mais esperado dos derradeiros meses na política galega: O debate a 3... O entroido conqueriu que os tres candidatos principais 'baixasen' das farolas para tan especial ocasión e debatiran...



O 'touriñente' non facía mais que dicir: "A plena luz do día, 700 vellos e combrándolle...". 'Dancing queen' Elexiu como tema o "enclavamento do pais, todo enclave de pais para ter ó pais enclavado e que non marche". 'Frijol009' só quería "empezar a ronda de LK's...

Mai o mellor do aspecto electoral chegou coa revelación exclusiva de como se manipula o voto 'inmigrante'....



Tamén houbo, como non momentos musicais para a lembranza eu escollín este "Alalá das mariñas" cantado por Uxía no 'bigotes'...



E momentos televisivos. Por primeira vez conseguin ter un vídeo da farrapada e seguro que se me ve moi ben...



A do luns foi unha noite de éxito sen precedentes...con un resultado de palleira: Todas menos 1 aceptaron a baila. Está claro que incluso as malas novas se dixiren mellor nese ambiente.

O martes disfrutei do momento íntimo dos peliqueiros veterans e as carreiras cos que os vacilan...





Desculpade a lonxitude desta entrada, ben pola contra este entroido se me fixo curto mais abondou para botar en falla ós amigos que non puideron acudir.

Cigarrons

Este ano aproveito o traballo que me fan os da sexta...










Aposta arriscada

OUUUUuuuu...Desta si que me arrisco.

O tema da presunta trama de corrupción soa 'raro,raro,raro' a trucaxe vese cando o dimitido conselleiro da CAM é invitado reiteradamente a dimitir da súa acta de deputado polo PSM e arrinconado polo PP. Qué importancia ten ese feito? home, eu non son xurista mais está claro que o xuiz este con complexo de superestrela leva o caso dun xeito 'público' por algún medio con 'prisa'; esto é, a información filtrase cáseque inmediatamente. E non só iso senon que Garzón está a manobrar para que o caso permaneza nas súas mans; senon como é que o conselleiro ese tivo que dimitir mais non está imputado?...porque si o imputa perde a competencia...Logo o resto da xudicatura non investigaría con igual obxetividade? ou cal é o problema? que si se pasa o caso a outra instáncia deixarían de sair na prensa os nomes que 'aparecen' na instrucción.

Eu preveo que a mais tardar en Marzo a causa se pase a outra instancia na que xa non se atoparán mais indicios e pode, incluso, que os aforados non imputados segan nese limbo un tempo para logo resolverse todo en sobreseimento por falta de probas, fallos procesales ou "caducidade". Outra 'Garzonada' que dí a miña analista política.

Tamén preveo que pronto sairá unha causa parecida pola "banda de Laiño" porque a mediatocracia non se pode permitir esta afrenta e porque precisan temas para enche-los titulares que non sexan unha crise que está por riba de calquer partido ou de calquer iniciativa política porque é unha crise da propia filosofía e fundamento do capitalismo.

O problema é que este caso deixa de manifesto dúas cuestions:

1) É necesario polo ben da democracia que o financiamento dos partidos politicos sexa reformado a un estilo de ABSOLUTA transparencia.
2) É necesario que a xustiza deixe de estar politizada e que se tomen medidas rigurosas coas filtracions de sumarios baixo segredo xudicial e sobre a súa publicación. Ademais, na xustiza habería que escomenzar a 'castigar' a apertura de casos e o gasto en investigacions que non acaban conducindo a nada dun xeito reiterado.

O rancio

OUUUUuuuu... Onte nos discursos de incio de campaña houbo un intre no que pensei que estaba voltando a ver a mini-serie sobre o 23-F esa na que se quere xustifica-la antidemocratica monarquía e a sucesión; digo que pensei que a estaba voltando a ver porque un señor con barba escomenzou a dicir: "Sólo importa España, España por aquí y España por allá" como facian os señores con bigote e uniforme na serie esa.

O mais penoso foi a suposta conversa de fillo e pai..."tú querías ser rey?" coma quen que non lles queda mais remedio que dirixir a esta masa de egolatras edonistas consuminstas na que nos teñen convertido.

Inicious a recta final da campaña de marketing; eu cada volta estou mais contento de non te-la responsabilidade de votar porque non gosto das obrigas de elexir o 'menos malo' que é cara ó que apuntan os mass media e as alternativas non semellan selo por carencia democrática interna ou por inxusticia democrática externa. O único positivo é que a campaña coincide plenamente co que é: un entroido no que cada quen xoga a ser o que non é.

Sen nega-la maior...

OUUUUuuuu... Caza de bruxas, conspiración, ataque... estes e outros calificativos se empregan cando un se sinte contra as cordas e non ten ARGUMENTOS que rexeiten acusacions que aínda non foron formuladas polos xuices mais sí pola sociedade.

E falando de cacerías non vexo porqué agora ter ido de cacería dúas persoas xuntas é tan importante e no 2003 fora unha casualidade 'desafortunada' que Fraga, Álvarez Cascos e o daquela presidente de Repsol e principal beneficiado de todo estivesen de caza mentras certa regadeira deixaba "O maior paseo asfaltado de europa".

Estamos nunha especie de italianización da xustiza; uns ameazan folga e outros son ameazados con sacar á luz o que hai; e quero remarcar que, non estando ninguen libre de culpas similares, se reprochen ataques e cazas e non se faga 'negación da maior'. O "clan da voda" vai ter que elexir entre cantar ou entrega-la cabeza aínda que tratándose de unha "garzonada" o mais probable é que en 2-3 anos xa non exitan probas nin argumentos (que non delicto que ese seguro que se oculta nalgures).

Éralles mellor tomalo con humor...



Os medios de in-comunicación mediatica traballan as súas frontes demostrando que o que menos interesa é a realidade das cousas e que os principios de Goebels se cumpren na sociedade da des-información con maior eficacia que daquela porque os medios son aínda mais poderosos e os cidadans estamos mais desamparados.