Outro día

Podería dicir que se trata de outro "festexo de consumo" para tranquiliza-las conciencias, que o peor non é o troco climático polas emisions dos gases invernadoiro, o despilfarro da auga como recurso senlleiro que nos brinda a natureza e o constánte emprego do medio como vertedoiro de todo o que, unha vez empregado desbotamos como lixo sen mirar... Podo dicir que se trata doutra festa descafeinada na que festexamos que se seguen a esquilmar terreos protexidos para urbanizacions e industrias mentres multamos montañeiros por disfrutar limpamente do que a natureza ofrece... Debo dicir que a prostitución das accións a tomar ó seren "olladas polo mercado" leva a desfeitas das que habilmente son culpados aqueles que levan 20 anos alertando que o modelo de sociedade e o estandar consumista e a produción en masa non ten outro destiño que alterar gravemente o mundo que deixemos ás xeracións do futuro.

Podería, podo e debo dicir que a intelixencia das persoas debe de estar por riba do seu ego-hedonismo e que a solución a como nos relacionemos os humanos co medio que nos rodea pasa pola reflexión diaria sobre a verdadeira necesidade do que consumimos e o que facemos cos agasallos que, cada día, nos brinda a natureza.

Eu, pola miña banda adícolle o día a flor mais fermosa que me foi regalada e na que confío por os valores e exemplos dabondo para que, no seu futuro, contribúa ela tamén a facer un mundo mellor no que vivan os que virán mais adiante.

RESUMO

OUUUUuuuu

Non gosto de plaxiar mais a frase, cos seus fallos, realmente me semella moi acertada:
Uns perden maiorías absolutas a esgalla e non van mandar case que en ningures, e outros non soben tanto como pensaban e dependen cada día máis duns terceiros que parecen atrancarse niso de ter as chaves pero non a casa.

O comentario

Non ia eu facer nengun comentario sobre os resultados electorais porque sería tempo perdido dado que, como xa expliquei, cada quen emprega o marco de referencia que lle peta para poder dicir "Gañamos".

Mais chamoume a atención un artigo dun colega de farrapos ó que tiña eu por alonxado da movida política ainda que non lle faltara boa escola na casa durante moito tempo. Sobre todo ten ben aprendidos os conceptos de lealdade e aturar.
O artigo analiza como o PPdG pode dicir que gañou nas eleccions malia a NON gañar por maioría absoluta en ningunha grande cidade galega (hai que ir ata a 13ª vila para o 1º goberno do PPdG) mais SI recuperou en parte voto urbán (cousa que terán que analizar 'os outros'). Non entra directamente en si a perda da deputación de Lugo pode ter que ver coa case total ausencia da "máquina de carrexar" (só 1 denuncia) provocada pola defenestración de Francisco Cacharro inda que ollando o mapa semella moi extrano a perda das principais vilas e a cantidade de concellos da montaña que trocan de cor; no mesmo Deza se 'perden' 2 concellos e a deputación estivo en perigo ata o derradeiro intre. Mais o peor para o PPdG e os seus novos patronos (o tandem Rajoy-Feijoo) é que non poden botar man da transposición dos resultados a unhas hipotéticas autonómicas (perderían 2 escanos) ou xerais (perderían 1 deputado).
A miña analise caseira é que os chamamentos ó medo etarra non abondan para frear o inevitable efecto da parca sobre a envellecida demografía do votante popular.

Outra cousa é o derradeiro parragrafo:
Agora chega tamén a hora dos reproches internos e dos coitelos afiados, pois como decía Adenauer: "Na política hai adversarios e correlixionarios: estos últimos son os máis perigosos"

Vos diredes, mais a min enseguida se me viñeron ó caletre as siglas Terra Galega, e a impresión de que un partido galeguista de centro só poderá xurdir con opcions si o PPdG se vise moi debilitado mercede a unha táctica a longo prazo que, dende dentro, "garantise" malos resultados e falla de poder político. Si, xa sei que en outro artigo anterior aparenta criticar a esta forza e ó partido galeguista (siglas mercantilizadas) mais manteño a miña análise que refrendo cunha frase dese mesmo artigo:
Partidos que utilizan ese sacro termo, para aproveitarse das ansias das xentes de boa fe de ter unha forza política que realmente os represente
Polas túas ondas xigantes e mornas
son impulsado i esmagado...
Polo tremor devastador desas horas
nas que esquezo e son atopado...
Polas cegueiras, cicatrices fondas
,que me teñen da luz privado...
Porque non e porque si
CALO.

Botada a sorte

OUUUUuuuu

Dentro de escasas horas rematarán as fanfarrias das compañías de representación i exhibición de elementos, tornaranse tranquilos os acesos discursos e quedarán limpos os rueiros de papeis e fotos.
Suponse que entón teremos que reflexionar para outorgarllela confianza á candidatura que semelle mais consistente e con mais perspectivas de traballar en prol do que un considere preciso no ámbito da elección. Subliñei o de candidatura porque así nos obrigan a votar nestes intres; as designacions de cargos (deputados, procuradores a cortes, concellais...) son individuais mais votar votamos a un conxunto "Mancomunado" de individuos que, de xeito automático escomenzan a desligarse uns dos outros en canto hai atisbo de algún perigo ou problema...

Bueno, ó que vou, que esa reflexión moitos a fan en base a actitudes políticas xerais dos partidos que presentan as candidaturas ou con respecto ó primeiro candidato da lista··· É certo, non o nego, o que eu propoño leva tempo; e asumir que incluso persoas con aspecto que nos pode resultar noxento ou pertencentes a partidos que son sostidos e sosteñen plantexamentos insolidarios e retrógrados, poden ter realizado o programa que presentaron e polo que foron elexidos e/ou presentar programas con propostas novidosas, ben plantexadas, convincentes e concordes cos principios do que un considera bó goberno.
Por todo elo, dende hai moitos anos gardo os programas electorais que se buzonean nos comicios municipais para, chegado este intre facer unha AUTÉNTICA REFLEXIÓN. Xeralmente gardaba o de Lalín, logo o de Verín, mais nas derradeiras xa gardei o de Ponferrada por aquelo de que sabía que nesta ocasión "tocaría metela" eiquí.

Collo o programa do 2003 e vou mirando os 100 puntos e marcando o que sei que se fixo, o que non sei de que vai, o que sei que se vai facendo, o que se fixo "de boquilla" (pedirlle a outros que fagan), o que se está a facer agora e o que non se fixo e sácolle unha nota coma a un escolar: Un 6. Gustaríame entrar en detalle mais son un tipo con sorte; non teño nada que facer e permanezo ocupado...

Logo collo o programa das elecions actuais do equipo que gañou as anteriores e do que, por afinidade política me semella que puidera votar. Ó primeiro lle miro principalmente si é ou non moi continuista no que corresponde ás liñas de desenrolo básico e si entra ou non en detalle do 'como' pensa conquerir o que propon e o cronograma do mesmo; fago isto porque se supón que o nivel de detalle por simple coñecemento interno debera ser maior e polo tanto é esixible non só uns compromisos de feitos senon tamén unha programación financieira e cronolóxica.
Ó programa que me pudera resultar afín lle miro con lupa o detalle das propostas e o nivel participativo que se ofrece á cidadanía en xeral, o nivel de 'moldeabilidade' pode indicar si se trata dun grupeto iluminado que se coida posuidor do vellocino de ouro ou si realmente se trata de acadar maior participación e mais puntos de vista...

Con elo me fago unha idea clara do voto, sen atender ás chamadas do "voto inutil" que consideran o meu xeito de pensar unha auténtica inutilidade e queren facerme preso dunha suposta 'economía de escala' que eles impuxeron con D'ont e as cuotas mínimas.

Cesar cruzou o Rubicón e desafiou ás leis da república de Roma; a cultura clásica adoptou a bota da sorte como unha proba da forza dun lider... na política actual nada mais lonxe da realidade pois "tu voto puede...mais con sentidiño."

tonechada contradictoria

OUUUUuuuu

Dende que o día 17 vin unha parte do show dos tonechos adicado á lingua galega apreciei que a capacidade de rirmos de nós mesmos é un indispensable elemento á hora de abordar a cantidade de lerias que rulan ó redor do principal vehículo de comunicación e afirmación do que dispomos.

Non é que me pareza mal nen moito menos; todo o contrario vexo positivo que sexa pola vía do pragmatismo que a realidade, esmorecente mais ainda viva, do galego nas terras do bierzo se faga patente.

Dicía Tucho tentando de explicarlle a Tonecho quen era Castelao que "segundo as derradeiras enquisas punto arriba, punto abaixo pois ainda estamos pendentes do voto emigrante... Castelao é o pai da patria." Tonecho retrucou: "!!!A patria, a isa sí que a coñezo eu ben¡¡¡ si oh...". Mais adiante os tonechos dan en conta que para saber quen fora Castelao había que desenterrar o seu cadaleito do panteón dos galegos ilustres e levalo á escola... Nen cavilando nelo se podería dar cunha imaxe tan potente do que ten que ser a recuperación da lingua.

Eis eiquí que no bierzo se fala galego "na intimidade" i, engado eu, "baixo intimidación" pois expersarte en galego en público semella, ás veces, unha especie de declaración de intencions políticas que pouco teñen que ver co capital cultural e moito cos medos dos que gobernan...

Mais a relación cultural con Galicia e coa lingua dos seus antergos acudelles cando miles de turistas chegan ás tendas e queren un "Recuerdo de Ponferrada"; alí mesmo onde se nega a existencia de lectores de literatura en galego se venden "conxuros da queimada" en paneis de louza listos para colocar nas cociñas dos fogares dos visitantes ó tempo que lembran as viandas tan suculentas que comeran aquel día en...
Tamén lles acude esa temida 'invasión' cultural cando; relegados a un segundo termo polos massmedia autonomicos, teñen que enviar milleiros de correos a San Marcos para que a TVG emita o partido que a Ponferradina xogaba en Almería; mágoa de resultado, a relación emocional que provocaría unha victoria salvadora coa lingua poderia ser moi interesante cara ó futuro.

Bueno, só recomendarvos que acudades por estas terras para disfrutar da paisaxe, do xantar, do viño e dun paseiño...

Desmontando o absurdo

OUUUUuuuu

Nestes días de campaña electoral un tería que soportar estoicamente, incluso con ledicia, que as persoas e organizacions políticas que se burlaron das opinions e defenestraron os argumentos se apunten agora ós carros da lóxica mais sempre coa sana intención de gañar algo en troques.

Lendo un incisivo artigo de Vazquez Pumariño en Vieiros vexo que non son o único que se decata de que a chegada dos conceptos "troco climatico" e "sustentabilidade" ós medios de in-comunicación non é mais ca unha campaña de márketing ben dirixido e destinado, coma sempre, a que certas solucions semellen as únicas e as lóxicas e que calquer oposición a elas sexa tachada de suicida ou insolidaria.

Agora que as ratas abandoaron o barco do mercado inmobiliario xa teñen elexido o destino dos seus futuros rendementos: A "loita" contra o troco climático en forma de mais centrais eólicas, mais plantas de biodiesel (e mais cultivos destinados ó mesmo), Nova xeira de plantas de enerxía nuclear e minicentrais electricas... sen entrar nos modelos sociais e de consumo que realmente provocan un incremento exponencial das emisions de CO2, o esgotamento dos recursos naturais...

Escoitar agora falar de sustentabilidade a quen forzou a implantación de industrias insustentabeis e contaminantes me produce certo noxo porque percibo que só se trata dunha maquillaxe para seguires facendo negocio.

E non, non me abonda conque a posta "de moda" dos temas ambientais axudará a pensar á xente porque percibo que o engano está servido en forma de promesas de novos postos de traballo e crecemento sostido e sen fin... Xusto o que calquera quer ouvir; porque ningún político plantexa en serio: "Imos por impostos de circulación altos nos centros das cidades facilitando en troco o acceso mediante transporte internodal público"; "Non se farán mais vias de alta capacidade para vehiculos senon que se potenciaran as infraestructuras ferroviarias"...

O malo vai ser para a cantidade de xente que se vai quedar sen emprego na construcción (autónomos moitos deles); haberá que ver que fan os miles de inmigrantes que traballan nas obras cando non haxa choio; por cada 100000 vivendas que disminua a "producción" perderanse 300000 empregos e, sinceiramente, non me cadra que os 'novos nichos' que se podan xerar con estas industrias 'pseudosustentabeis' podan abondar para tod@s.

Pola banda da enerxía habería que respostar á pregunta de porqué as alternativas pasan sempre por grandes investimentos en xeración, investimentos que só poden facer os grandes grupos de capital...

LINGUA

TESOURO,

LEGADO,

HERDANZA,

VENCELLO,

NEXO...



FUTURO.

Desarme, paz e outras herbas...

OUUUUuuuu


Onte un dos grupos paramilitares mais radicais do Ulster anunciou o seu desarme moitos meses dempois de que se comprobase o do IRA e a escasas datas da constitución do primeiro goberno conxunto en Irlanda do norte. Isto constitue unha lección para os que semellan empecinados en querer "falar" coa ameaza dun arma na mesa.

Onte nas eleccions parlamentares de Escocia e Gales concurriron con grandes posibilidades de obter ampla representación partidos que se mostran abertamente a prol da independencia do Reino Unido sen que elo significase, dende o meu punto de vista, unha grande catástrofe. Semella unha lección para os que se empecinan en negar que habendo PAZ se debe falar "con TODOS de TODO" e seguen a por condicions: "de isto non se fala, con istes non se fala" etc.

Dito empecinamento oculta o feito de querer acala-la voz dos que manteñen unha vía política na que se 'comprende' erroneamente a orde de factores enunciada se cadra porque non se dan mostras de que o segundo chanzo vai vencellado ó primeiro; dito 'acalamento legal' leva a extremos esperpénticos de estarmos a menos dun mes das eleccions e terse que dilucida-la posibilidade das listas electorais nos tribunais.

¿Cal sería a reacción dos nosos proto-demócratas se, en virtude da lei de partidos, se ESIXISE unha declaración de repudio á violencia dos bandos da guerra civil española e do réxime franquista nos anos sucesivos?.

Semella que o tema 'terrorismo' estaselle a esgotar ó PP que agora vai a arrincar polo tema corrupción que os iguala co P$o€ de tal xeito que pode aparentar unha loita de bandos do mesmo partido.

Edición 23:00

Como se viu trabuqueime de cabo a rabo pois o SNP non só acadou unha importánte representación senon que se declarou vencedor nunhas eleccions que tiveron graves problemas no reconto pois moitas papeletas houberon de seren invalidadas por confusión dos votantes. Todo se debeu a que se "xuntaron" duas votacions nunha papeleta e que a votación por "county" (rexión) se fixo polo sistema de Voto Simple Transferible o que daba a oportunidade de apoiar ó candidato que un desexa e, si este non acada votos dabondo, apoiar en segundo termo a outro candidato... Fuxindo así do "voto util" que tantas veces se emprega para depredar ós partidos pequenos.

Que mágoa o esmorecemento (¿ou a miña desconexión?) de ODEP. Alí tamén se empregaba o VST o que permitía unha grande aproximación o verdadeiro pensamento dos participantes.

Trebello

OUUUUuuuu

Seguindo unha nova de chuza! topei nun blogue un chat instántaneo e decidín probar a poñelo; resultoume doado e deixareino quedar. Non soia telo conectado ata o de agora mais haberá que ver como vai.

Estivemos fora estes días polas "Terras roxas do rio Oja" camiñando, comendo e tal...



Ainda que tiven tempo dabondo para pensar foi mais ben unha reflexión interior, lonxe do ruido das novas e das batallas diarias. Iso sí, non podo deixar de comentar que como contraste coa anterior tirada na que faleceu o xefe da empresa católica desta volta naceunos unha nova pensionista.

Rajoy e Castelao

Dixo tamén o home chamado a dirixi-los nosos destinos que "de momento estar vivo y luego ya veremos"; Castelao retrucoulle xa no lema do escudo constitucional do anterior estatuto: "Denantes mortos ca escravos".

Día Telúrico

OUUUUuuuu

O 23 de Abril é hoxe un día telúrico pola cantidade de acontecementos que o acompañan...

O DÍA DA TERRA: Para voltar a por sobre a mesa que, actualmente, somos a única especie capaz de acabar coa vida no planeta e que a diferencia de outras especies que causaron catástrofes nas eras lonxanas suponse que somos conscientes delo.

O comportamento psicosocial dos humanos, o seu crecemento demográfico desenfreado (e o alongamento da súa esperanza de vida) e unha crise de esgotamento de recursos naturais por despilfarro, sobre explotación e deficiente manexo dos residuos ameazan con colapsa-la vida na terra no período dunha xeración.

O DÍA DO LIBRO: A única ferramenta capaz de nos axudar contra o pesadelo descrito anteriormente, o coñecemento que se transmite polos libros ten nesta data a súa celebración máxica polo pasamento simultáneo (seica) de dous dos seus máximos pretidixitadores.

O libro, a verba comunicada, ven sendo reinventada nos derradeiros tempos mais ainda goza de grande aceptación no seu formato 'enxebre'. Dos milleiros de feiras destes días destaco a de Lalín por seren a 1ª vez que se fai e polo "Peso" dos alí convocados. Eu tiven a sorte de topar a Eduardo Punset que nos voltou a sumerxir na percura da felicidade...

Quedoume no tinteiro a pregunta de si esa "vida redundante" que se disfruta agora non será unha das causas do alongamento da adolescencia e da postergación da paternidade/maternidade case ata o límite do fisiolóxico... Cousas de kan.

O PECHE DAS LISTAS: Unha data fundamental na política destes dias... o pulso remata; poderase presentar a esquerda abertzale ás eleccions. Fixádevos ben nas verbas; non se trata de que se respete a lei, trátase de que se presenten ou non. Rajoy 'dixit' que si Batasuna non se presentaba en calquera das súas formas eles voltarían a apoiar ó goberno, ergo non importa tanto si se respeta ou non a lei senon que semella tratarse dunha eliminación de rivais políticos.

Mañan ainda quedarán abertas as frontes xudiciais, pero xa non se alterará nada.

A FESTA NACIONALISTA DOS CENTRALISTAS: Así pode semellar visto dende fora o día dos comuneiros nos que castela festexa a derrota dos que quixeron arrincar un pouco de autogoberno ó monstro imperial que eles mesmos crearan.

Seica defender o de un non é tan malo, ¿porqué non sentarse e falar de deixar a cada quen decidir cómo defende o seu?.

Vinde, vinde, estouvos agardando

OUUUUuuuu

Outra volta a data da canción; hai tempo conxurara ás pantamas do pasado, logo conxurei os acontecementos por vir na miña vida...

As dúas cousas se van cumprindo xuntas, que non revoltas. Polo pasamento do meu vello se achegaron a min tantos anacos da 'outra vida' que a tiven tanxible nas apertas e na mente por fin. Sen dúbida deixoume confort. Logo atopei xente que só vira unha vez na vida e libros que desexara ler e non viñan á miña man.

Para ben ou para mal a vida vai seguir e hai que face-las cousas que corresponden ó intre. Un plantexamento serio levará a unha resolución efectiva, os valores conducen un carro pola senda do 'sentidiño' pois na imitación das conductas está a principal ensinanza.

Veñen as flores, logo os froitos crecerán co sol do noso agarimo. Non manquemo-lo tempo coa indiferencia, cada hora é fundamental no seu conxunto.

O disfraz

OUUUUuuuu

O mitin de onte á noite debeu deixar ben contenta á xente da dereita; o seu lider ofreceu unha imaxe de moderación, de preocupación polos problemas dos cidadans sen crispacions e unha ardua defensa de ideais de liberdade: Liberdade individual, liberdade de empresa, liberdade do chan...

Eu só o pudiden ver 'a cachos' por diversos problemas mais, captei certas incoherencias que me impediron logo concilia-lo sono.

Cando unha señora preocupada polos seus netos lle preguntou pola asignatura de "educación para a cidadanía" o lider da oposición respostou que lle semellaba mal que fose obrigatoria e que ainda se descoñecian os contidos da mesma o cal era 'inaceptable'; seguindo coa pregunta e respecto ás escolas que veñen de substitui-lo crucifixo pola media lúa dixo que lle parecía ben, que había liberdade para iso... sempre e cando se respetasen certos VALORES QUE ESTÁN NA CONSTITUCIÓN. ¿en que quedamos hai ou non valores nos que se debe que educar? e si os hai ¿porqué se teñen que ensinar dentro do marco coercitivo (dende o meu punto de vista) da metafísica dunha relixión?. Sego a opinar que a relixión se practique ou non é un aspecto da esfera privada da vida das persoas e que os pais deben proporciona-la formación relixiosa polos seus medios e no tempo de 'actividades extraescolares'.Esfera privada que sí quere o Sr. Rajoy aplicar para o tema das unions entre parellas do mesmo sexo deixandoas fora da legalidade para aspectos fundamentais.


Cando unha compañeira de profesión lle falou, ó fío da obrigatoria pregunta das esperas para a atención sanitaria, sobre o desenrolo das especialidades enfermeiras e sobre a escaseza de profesionais el dictou o alegato neoliberal sobre a atención sanitaria: Á xente quere que lle atendan, que lle atendan pronto e que a atendan gratis... ¿ulas as verbas CALIDADE, SEGURIDADE, EFICIENCIA... dos programas do seu partido? Dictou que el considera que 60 días é o prazo máximo de espera sen distingos do tipo de atención e que logo habería que pagarlle a intervención á sanidade privada e abogou pola adopción das coñecidas fórmulas de xestión mixta en tódalas súas variantes. Mais o que me desconcertou foi a mezcla dos conceptos de carreira profesional co de especialidades de profesions sanitarias.

A carreira profesional é un desenrolo de leis que creou o Partido Popular na súa lexislatura de maioría absoluta ó tempo que remataba o mapa trasferencial da competencia en asistencia sanitaria. A carreira profesional ten unhas características minimas comúns a todolos territorios e hai un acordo publicado no BOE que obriga XA ó recoñecemento mutuo dos graos acadados na mesma entre as diversas comunidades. O que non é común son os cartos que se perciben, quen os percibe, que requisitos 'extra' se poden pedir... e todo elo ven nas leis que, no seu momento, aprobou o partido do Sr. Rajoy.
As especialidades enfermeiras se aprobaron en maio de 2005 dun xeito que ainda ten polémica dentro da profesión pola presencia dunha especialidade "caixón de sastre" onde colle o 80% da labor de enfermería hospitalaria. A tardanza na creación dos consellos de especialidade (o pasado 8 de marzo) é achacable por igual a ministerio, CCAA, asociacions e colexios profesionais quedando agora moito por facer no desenrolo dos programas das especialidades (de feito hai pouco se deu un prazo de 6 meses) que logo haberá que implantar nos centros que teñan "venia docendi". Outra cousa será traballar como especialista na sanidade... nin na pública administrativa, nin nas novas formulas de xestión, nen na privada semella haber vontade de implantar postos de traballo 'exclusivos' para especialistas.
¿porqué dí agora que el aboga pola igualdade da 'especialidade'?...supoño que foi un lapsus e que se refería á carreira profesional. En todo caso deberá recoñecer erros própios no deseño da mesma e falta de vontade negociadora das CCAA gobernadas polo seu partido para acadar un acordo no Consello Interterritorial.


Cando un nervioso rapaz de A Coruña preguntou pola desfeita urbanistica da costa galega e as medidas que Rajoy tomaría contra ela voltou o esquema neoliberal e a coñecida receita da liberlización total do chan para rematar coa suba de prezos e a especualación... mágoa de retruque coa situación que esas medidas estan a causar nos EEUU e coa infinidade de licencias e proxectos que os gobernos de todo signo teñen aprobado en lugares protexidos de toda clase sen necesidade de liberalizar nada... mágoa tamén de comentario respecto das promocions 'a precio de custe' ¿quere isto dicir que non se vai meter man ós beneficios do mercado especulativo? Semellamen que se van leva-los cartos uns e as débedas outros.


E para rematar quero deixar constáncia de que a min ese disfraz non me vale por como se trata o tema da liberdade segundo lle peta. Preguntado reiteradamente pola necesidade de pactos postelectorais e o 'prezo' que estaría disposto a pagar e sobre a suposta incoherencia de que unha forza minoritaria impoña os seus criterios nunha negociación ou que non goberne a forza mais votada por que o resto das forzas pacte na súa contra o Sr. Rajoy non acabou de aclarar si modificaría a lei electoral i, en todo caso que o faría polo 'consenso mais amplo posible das forzas políticas' porque se trata das reglas de xogo, logo mencionou que nas municipais debera ser elexido alcalde o cabeza da lista mais votada...
A min isto lémbrame as reunions de capitans de equipas de patio de colexio que decidian eles onde habia 'foras' e o que valía ou non. ¿non quedamos que "a soberanía reside no pobo"? ,¿U-las as chamadas ós referendums consultivos sobre as cousas que 'rompían o consenso constitucional'?. Supoño que xa non interesa facer consultas á poboación sobre a conformación politica da socieade porque él tamén defende unha politica paternalista para masas que vivan FELICES...

A miña pregunta


Son fillo da emigración galega, cando meus pais retornaron recibín o revelador impacto de saber que eles non falaban mal o castelan; falaban galego, unha lingua cun valor cultural de seu. Isa foi a miña herdanza principal, o meu tesouro. Un tesouro que foi apartado da vida pública e devolto a ela de xeito parcial por un pacto entre forzas politicas refrendado polos cidadans daquel intre. Eu non tiña fillos nen dereito a voto. Agora os meus fillos e mais eu somos prisioneros daquel pacto; ¿porqué non se nos ofrece UNHA VEZ NA VIDA PRODUCTIVA a oportunidade de decidir a nós, os cidadans que detentamolo poder segundo vostedes, sobre a forma de estado, a estructura territorial do mesmo, os sistemas electorais e parlamentares... sobre as 'regras do xogo'? ¿non nos consideran conscientes dabondo para tomar esas decisions; e si non o somos agora como o podían ser os que as tomaron hai 30 anos dempois de 40 de réxime represor?. E outra, ¿porque eu para votar me debo identificar persoalmente diante dun grupo de 3 persoas ou dun funcionario de correos e un emigrante NON?.

Pensionismo financieiro

OUUUUuuuu

Fai uns días nunha pausa do 'traballo' pasaron a carón miña duas parellas de persoas maiores nunha escena habitual; elas díante falando dos fillos e dos problemas cotians i eles detrás falando... do "implacable" que é a lei do mercado.

Naquel intre, concentrado no que estaba, non reflexionei sobre o tema; mais voltando para casa xa co osixeno normalizado caín na conta da tremenda lousa de incongruencia de tal afirmación en certo tipo de persoas.

Non dubido que ó chegarmos ó final da vida productiva e pasar ó 'retiro' as persoas continúan a ter unha misión na sociedade, unha visión da mesma e uns obxectivos a acadar. Mais, se cadra, a moitos lle pode o orgullo de ter pasado por tempos moi difíciles e caen na soberbia de pensares que a solidaridade que agora reciben non é tal senón que é parte do seu soldo polo feito na vida e que, cos aforros (mobiliarios e inmobiliarios) obtidos deben actuar "maximizando o beneficio e minimizando o gasto" (ou o pago de impostos).

Cada quen actúa durante toda a súa vida segundo unha 'masa de valores' que lle debera situar no balanzo do que aporta e o que recibe do conxunto da sociedade. As entidades financieiras traballan arreo para 'captar' o froito do aforro das persoas e, coa promesa de rendibilidades -ás veces inmorais- facer uso deses aforros no seu própio beneficio. Coñecidas son as desfeitas dos fondos de investimento internacionais que, empregando cartos alleos, fan subir e baixar mercados xerando beneficios a outros e deixando ós seus investidores 'cun palmo de narices'.

Sorprendeme a incoherencia de quen recibe mensualmente o froito da solidaridade dos traballadores de agora e sábese "a salvo do mercado" e coida que él SI pode empregar implacablemente as regras do mesmo... Será realmente consciente de que, si polo mercado fose, non tería; cecais, pensión?

Na zona na que vivo moita xente se 'retira' antes dos 65 ben por motivos de saude ou 'estructurais'; moitos deles están en perfectas condicions para traballos de outro tipo mais reciben a solidaridade de todos gracias a que, nalgún intre, algúen pensou que a implacabilidade do mercado non debía chegar ós mais débiles e que era mellor 10000 casos de abuso desa solidaridade que 100000 casos de abuso do mercado.

Coido que se pode obter unha rendabilidade dos aforros dunha vida sen convertirse nun "escualo" das finanzas e que a solidaridade pode ter outras formas tan sinxelas como a esixencia de que non se especule cos teus aforros, e participar lealmente no mercado inmobiliario; porque coa edade non se perden os dereitos políticos nen a responsabilidade e hai que ter en conta que a demografía actual nos encamiña cara a unha sociedade cun alto número de membros que traspasen a barreira dos 'anos laboralmente productivos'.

Celebración inversa

OUUUUuuuu

Como teño prometido mudar de ton non vou facer reividicacions pasadas; de feito non a fixen só quero deixar unha nota marxinal sobre o que fixemos o día que se celebra o aniversario da toma de decisión mais libre da historia recente dos habitantes humanos da península ibérica.

Mentres outros axitaban farrapos e facían reivindicacións sonoras e rechamantes nós eleximos percorrer con calma o camiño excavado co esforzo e o sangue dos que foron condeados por defender ideais de liberdade...



Na gorxa do Cares, unha paraxe agreste, case sobrenatural, fixemo-la nosa "mani" polos ideais que non se renden e non son derrotabeis.

As colas das embaixadas

OUUUUuuuu

Nesta seman xantamos cunhas tias que temos no Brasil e que veñen cada certo tempo a renova-la documentación pois aló teñen "a permanente". Comentan como nos derradeiros anos se nota cada volta mais xente facendo colas nas embaixadas e debullando de memoria a árbore xenealoxica familiar e o concello de orixe da cada un deles para poder demostar que cumpren os criterios precisos para acada-la nacionalidade.

A miña mente quenturenta uniu esto á probada presencia de axentes electorais de TODALAS formacions con opcions de gobernar nalgun concello galego e que ,a lo menos no 20% dos mesmos, o voto emigrante será decisorio do resultado electoral.
Non me queda mais que admitir que novamente nos veñen a estafar pola vía da modificación do censo e, dende logo, non é de estranar que moitos candidatos inicien aló as súas campañas con ou sen apoio oficial da administración..

Achégase unha nova miragre do "voto dos mortos", unha miragre dupra; non só votan senon que ainda que se demostra non se anulan os resultados das mesas co peregrino argumento de que os mortos-votantes non alteran o resultado sen entrar no centro da cuestión que é que non se pode garanti-la limpeza do proceso si se poden dar eses erros e, polo tanto, habería que anulalo.
Si se tratase dun xuizo ¿cal sería a reacción do xuiz?. Se fose un procedemento administrativo, ¿concederíase a subvención?.

Que lonxanas estan as promesas de limpeza no proceso electoral, que grande capacidade de transformación ten o poder que o que antes era intolerabel agora é unha situación de xustiza. Eu teño que me identificar persoalmente na mesa electoral ou perante o funcionario de correos para poder votar, outros...

Votos de mortos, votos mercados, votos carretados, votos emitidos por medo a "o que me poden quitar: a vida -terror-, a pensión, a vaca...", votos emitidos cegamente (sen reflexión nen análise), votos "ós meus"... I eu perdendo o tempo lendo os programas e acudindo a actos para tentar tomar unha decisión responsable co futuro da cidade onde vou morar coa miña familia; ¿será que son un 'pringao'?, será.

Pais ou politicos?

OUUUUuuuu

Ainda que escribir esto poda ser visto como unha 'listeza' o certo é que hai boa diferencia entre escribir nun blogue por non calar ou escribir na prensa e cobrar por elo.

Nunha xornada tranquila lin con calma unha entrevista que lle fixeron a Jordi Pujol os do Magazine de "El Mundo" e que se publicou o 1 de Abril. Sorprendeume que unha persoa que foi detentor de tanto poder e obxecto de tanto odio durante tanto tempo e ata hai tan pouco padeza 'analfabetismo dixital', cando menos aparente. Iso sí, podese dicir que é alguén que traballa arreo lendo os xornais e tomando notas sobre o que le, acudindo a inauguracions e outras cheas...

Porén o que mais me chamou a atención da entrevista foi un par de frases soltas nas que se destila a visión que os "politicos de pro" ou "animais políticos" teñen da actual 'oligocracia' e a organización socio-electoral que a conforma.

Dixo este home:
"El politico debe asegurar que puedas comer tres veces al día, que tendrás asistencia si caes enfermo y que tu hijo irá a la escuela. Pero aún y así no puede asegurar que la gente sea feliz"
Ocurrenseme unha chea de cousas ó fio destas verbas e da lectura do libro de Punset "Viaje a la felicidad" e, dende logo, relacionado con esto está o feito de que esta actitude PATERNALISTA cara ós que somos os seus concidadans é unha das claves da mediocridade social de occidente.

O sistema social-comunista claudicou, entre outras causas, porque os detentores do poder social deseguido actuaron coma se de deuses se tratase obviando a vontade e as espectativas de quen os impulsou ó poder, ignorando esa necesidade íntima que temos de sentirmonos responables dos éxitos e fracasos do noso grupo human.

Este pensamento reflicte a mesma idea malia que no noso sistema esta maquillado pola mínimia oportunidade que significa poder votar; iso sí, sen compormiso de devolución nen periodo de proba nen dereito a troco.
Porque alguns políticos falan de "contrato" tentando, inxenuamente, que a emulación da fórmula de Rousseau nos faga crer nun compromiso colectivo, cando o seu compromiso se situa na esfera oscura de quen lles patrocina.

Polo tanto: fora eses contos de vellas, comemos do que traballamos e temos servicios públicos porque así o decide a organización social.

Mais adiante fai outra reflexión nese senso de "deixadenos a nós e sede felices":
Pregunta:"¿Los politicos son prescindibles?"
Reposta:"No. Los políticos son los únicos que toman determinadas decisiones y que implican un servicio a la sociedad".
Está claro que este é un pensamento moi propio de quen se coida dentro do grupo dos 'filosofos' que deberan gobernar segundo as actuais teorias de Platón e Aristóteles.

Dende logo unha sociedade conformada por persoas iguais en dereitos deberá formar un goberno de cidadans para impulsa-los xeitos de organizacions e os proxectos que garantan a estabilidade e seguridade de tódolos seus membros, mais ese goberno non poderá mirar só polos intereses dun grupo concreto nen poderá estar conformado por unha especie de 'casta' de pais-políticos que dicten o que é bó ou malo e o que se vai facer ou non. Deberase conformar por concidadans que capten inquedanzas e consulten decisions no seu eido de actuación e no seu ámbito de elección.
Un novo goberno dos cidadans no que a pasividade polítca non estexa perseguida mais que non sirva de escusa constánte para dicir que son 'outros' os que organizan as desfeitas senon que cada un coas súas opinions e actuacions sexa parte do entramado organizativo da súa comunidade.

Clase media?

OUUUUuuuu

Alguns medios de in-comunicación queixanse de vicio da súa perda de "audiencia"; o que coido que lles acontece é que viven de costas á realidade do pais, inclusive os xornalistas con mais visión cometen ese erro de 'foco' e falan en xeral de cousas que só son de privilexiados.

Así lle aconteceu onte e Maria Yañez, para moitos a musa actual do xornalismo galego, na sua columna de opinión en "El pais" onde ven a dícir que a maioría da poboación de Galicia se despraza nestas feiras de primaveira cara a unha segunda residencia conquerida, iso si, con grande esforzo e abandoada 330 dias ó ano.

Preocupase moito de aclarar que non está a falar da "casa da aldea" nen do fogar duns familiares senon dunha 'finca' cun pequeno lugar no que pasar estes días de lecer.. Esta muller debe de vivir nos "mundos de Yuppi"; efectivamente nestes días hai moita xente de feiras por todas partes, efectivamente alguns teñen finca con 'cortello' ou "casita de campo" mais de eso a esquecer ós milleiros que nestes dias traballan (e arreo) ainda que só sexa no sector hosteleiro-turistico é un erro de bulto.

Falar da Arcadia dunha Galiza repoboada por obra e maxia duns días de lecer nas cidades soa a prepotencia e coido que poucos se poderán sentir identificados con semellante modelo ainda que, seguramente, moitos teñen ese tipo de vida como obxectivo a acadar (ese e o coche de grande cilindrada, a moto ou o trebello que sexa) e, polo tanto, como motivo de falsas espectativas que a vida en sí mesma se vai encargando de por no seu sitio.

Si semellante artigo se escribira nun blog algúen lle comentaría que é unha snob, ali só recibirá os cartiños correspondentes e un ou dous comentarios benévolos, 300 visitas ademais de 50 ou 60 votos...

Nova sociedade, nova politica, novas verbas...

OUUUUuuuu

O que hai é moito stress e como opinar sae gratis pois a min dame por opinar en público.

Levo tempo dándolle voltas á situación de tensión-crispación aparente que existe, seica, na rúa por mor da politica e cavilando que o que acontece é que está a piques de eclosionar unha nova sociedade na que os cidadans imos reclamar claramente a nosa coresponsabilidade no goberno para ben e para mal. Vexo que os sociologos e os politologos dos "de arriba" preveen esta circunstáncia e queren da-la sensación de que precisamos mais seguridade, mais intermediarios-representantes e mais filtros-medios incomunicativos para cumpli-la máxima gatopardesca de que "todo troque para que siga todo igual" como conqueriron hai 30 anos.

Para que esa nova sociedade cristalice fará falla unha nova terminoloxía que rompa cos escenarios de épocas pasadas que brindan a escusa ós actores actuais para encasillar ás novas perspectivas e xeitos dentro dos vellos conflictos e descualificar e confundir.

Así cando un reivindica que os cidadans deberamos poder decidir unha vez cando menos no noso ciclo vital-productivo sobre a forma de organizar politicamente a sociedade (forma do estado, organización territorial, sistemas de toma de decisions...) sempre saen verbas que veñen sendo apropiadas por unha facción ou secta político/económica tradicional e vilipendiadas ou lastradas pola outra. Verbas como República/monarquía C. ou Democracia/Dictadura... semellan etiquetar estas novas visions dentro de marcos conceptuais que XA NON son os referentes dos que defendemos eses xeitos.

Así, cando nunha opinión eu emprego a verba república como referente ou como obxectivo a acadar de seguido, de xeito automático, a miña -escasa- audiencia a vai a identificar cun modelo tradicional e coas diversas opinions a prol i en contra que se aventan nos medios incomunicativos, na rúa, no seu entorno... Si por riba se trata dun termo como ise, tan cargado de historia i empregado sen pudor coma arma ou boomerang das actuais organizacions de intereses-representativos; teremos un argumento morto cando non cargado negativamente.

Son as verbas un instrumento certamente mais difícil de manexar cando se trata de transmitir conceptos ou visions non estándares pois moitas veces un debe reler o que escribe e facer esa relectura 'disfrazado' noutro marco conceptual ou noutra personalidade para tentar saber como eses vehiculos que un verque son asimilados por quen, supostamente, os lee.

Veño pois a dicir que agora que escomenza o mes historico das revoltas e transformacions (nas sociedades como na natureza) eu tomo consciencia de que debo renunciar a verbas como: República, Revolución, Socialismo, Capitalismo, Imperialismo, Monarquia e... DEMOCRACIA.

Vaime custar un triunfo facelo, mais coido que é preciso para podermos falar dunha sociedade nova sen os lastres de conflictos pasados que; si ben están presentes pois sempre somos resultado do noso pasado, non deben lastrar mais o noso futuro.