Conversas e fronteiras

OUUUUuuuu... Vai uns días cadraron dous elementos apuntando a un tema que non podo pasar sen comentar.

Moit@s coñecidos en redes sociais tecnolóxicas comentaron unha nova acontecida en Londres na que se dicía que un home agrediu a outro batendo nel cunha táboa "por falar español" (podedes ve-lo vídeo nesta web).
Ó parecer o agresor estaba bébedo e tomaba medicación para unha alteración da capacidade de atención co que non quero poñer escusa a semellante brutalidade senon marcar una fina liña...

O segundo feito precisa unha explicación algo mais longa.

Como pode que saibades van 18 anos que moro nun territorio que polos azares da historia non está dentro da galicia política malia as grandes semellanzas xeográficas e climaticas que ten co resto do pais e a evidentes vencellos culturais e "intrahistóricos" de modo que aínda é doado escoitar á xente falar galego nas rúas e locais e hai escolas e institutos de varios concellos nos que se ensina o galego.

No meu traballo emprego o galego esporadicamente con algún doente que me fala en galego de entrada mais é un emprego limitado a certos temas de vocabulario e case sempre vencellado a "traducir" (como si fixera falta) expresions por unha diferencia mais de nivel socio-cultural que linguistica.

O caso é que fai un tempo teño unha compañeira de traballo que é galegofalante habitual na miña área de traballo e gostamos de conversar sobre os temas da actualidade sobor de todo a a actualidade política.

Unha mañan na que non compartíamos espazo de traballo asomei no que estaba ela para saudar a outras compañeiras que alí estaban e iniciamos unha conversa sobor da actualidade política... en breves intres unha das compañeiras que alí estaban me chamou para dicirme:

"-Me ha parecido muy mal lo que has hecho, no está bien que entres aquí y os pongais a hablar para que no os entendamos..."

Eu normalmente agradezo calquer indicación sobre a miña actitude ou os meus feitos... sempre hai algo que correxir ou mellorar. Lembro que aquel día pensei si o mesmo se lle diría ós alumnos do "Atlantis" que fixeron rotación no noso centro e que entre eles falaban en inglés...

Teño claro que a clave do tema está na natureza da conversa en cuestión; vexo que tanto no caso da parella agredida en inglaterra como no meu caso se trata de conversas privadas sen efectos sobre o entorno social ou profesional así que non había ningún motivo para elimina-la suposta barreira que un castelán falante pode ter respecto a unha conversa en galego ou a evidente barreira que unha conversa en castelán supón para un angloparlante.

Tamén teño claro que é de agradecer que alguén que se sinte "ofendido" polo desempeño linguistico dun sexa quen de dicilo.

Mais claro teño que si a "norma" que esta persoa me insinuou fose válida o galego está morto como lingua porque nun entorno de predominio da lingua castelán non hai cáseque entornos "exclusivos" de galegofantes e teríamos que caer nunha especie de 'gueto' linguístico... cousa que cecais acontence mais que non xustifica que se trate de aplicar o mesmo proceso na via inversa (apupar a quen fale castelán nun entorno de galegofalantes).

En fin, unha reflexión ó redor do Samain... con lingua.

Azar e nostalxia

OUUUUuuuu... Un pode non estar conforme coa realidade, mais para chegar a trocala non pode negala.

Así pois un partido que promulga un sistema socioeconómico lesivo para a maioría da xente con contratación precaria e sen dereitos, fiscalidade regresiva que non permite cubrir-los servizos públicos e protección a monopolios de poder en áreas clave como a financieira e a enerxética... un partido que é o eixo de diversas tramas de corrupción ó longo e ancho do pais.... é un partido que obtén un mínimo de 7 millons de votos; agora ben ¿porqué?.


Eu penso que só alguén que confía nos xogos de azar pode confiar en que unha agrupación de persoas con eses antecedentes pode ser o "goberno eficaz" que necesita este pobo.... e dase a casualidade que hai moita xente que confía nos xogos de azar... a lotería de nadal é boa proba delo.


Outra cousa que para o meu pensar pode explicar que tanta xente elixa unha opción tan perxudicial para tanta xente é o apego pola nostalxia...

Abondan nos medios os programas con contidos de lembranza de fai 15 ou mais anos e que teñen moita audiencia. Ese apego podería ter moito que ver coa pirámide demográfica mais tamén cunha especie de apego pola idealización do pasado... algo que se aprecia moi ben na serie "cuéntame".

Gostaríame ser capaz de estudar seriamente esto pero non sei que clase de estudo o podería facer.... por outra banda cabe a posibilidade de que teñamos unha trama dun 15-20% da xente que aspiraba ou pensaba que podía aspirar a seguir saqueando ó resto da poboación... pensade nelo si voltamos a ter ocasión de votar.