Ozono, eses tolos cos seus autos e os Quads

OUUUUuuuu

Mentras semella que escomenza a dar resultado a prohibición dos CFC's tomada nos anos 80 cunha detención ou, inclusive, recuperación da capa de ozono (artigo en portugues) e moitas equipas seguen a se esforzar na percura de medios de transporte eficientes en Galiza moitos espazos naturais se ven afectados polas conductas de xentes que din "amar á natureza" mais sen entendela.

Como aman os maltratadores estes individuos non saben da delicadeza de certos ecosistemas e se adican a estragar dunas, brañas e demais espazos con toda clase de vehiculos a motor coidando que realizan unha "actividade deportiva" ó tempo de disfrutaren da privilexiada natureza do noso pais. Dentro desta casta de exploradores "made in Coronel Tapioca" os que mais están a aumentar son os que empregan os vehiculos tipo 'Quad'; vehiculos que supostamente pola súa estabilidade son empregados en roteiros organizados por empresas de 'ocio-aventura' que levan á xente ó traveso dos espazos protexidos "vendéndolles a moto" do contacto coa natureza mais sen molestarse en explicarlles en que consisten eses sistemas non vaia a ser que algún lles pregunte: ¿y esto que hacemos no perjudica a la duna?.

Para por de manifesto estes feitos a Federación Ecoloxista Galega ven de entregar a Dirección xeral de conservación da natureza da consellería de medio ambiente a seguinte denuncia:
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

Director Xeral

Dirección Xeral de Conservación da Natureza

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n
E-15781 Santiago de Compostela

D. Martiño Nercellas Méndez, con DNI XXXXXXXX, en representación da Federación Ecoloxista Galega (FEG), con enderezo a efectos de notificación en Santiago de Compostela (C.P. 15780)

Achégolle consideracións sobre as consecuencias que ten para o medio natural galego, e en especial sobre os espazos naturais protexidos (ENP), a falta dun regulamento normativo minucioso sobre a circulación de vehículos a motor (tipo quads,motocicletas de crós e tototerreos) en montes, terreos forestais, e ENP. Co obxecto de que sexan adoitadas as medidas necesarias e oportunas na maior brevidade de tempo, e en cumprimento do disposto na lexislación vixente sobre protección e conservación da natureza e de montes.

Expón:

1) Que con relación á autorización por parte da Consellería de Medio Ambiente dunha proba do Campionato Galego de Enduro, proba de motocrós, no espazo natural protexido da Serra do Candán, espazo catalogado coma Lugar de Interese Comunitario e coma Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.

2) Que na actualidade dentro dos principais espazos naturais protexidos de Galiza, e en xeral no resto do territorio forestal e de montes, se constata unha preocupante intensificación de uso relacionado coa presencia e práctica desmesurada de actividades a motor con vehículos tipo quads, motocrós, e todoterreo.

3) Que non se aprecia unha resposta efectiva por parte da administración na ordenanza de circulación destes vehículos; e na do control, vixilancia, aplicación de medidas sancionadoras, e de reposición da legalidade, orixinados polo que se pode denominar excesos e utilización non racional destes vehículos e que se veñen acometendo reiteradamente nos últimos tempos.

4) Que estes excesos acontecen principalmente coincidindo con fins de semana e días festivos, nos que se producen nos casos motivo de preocupación e desta denuncia grandes concentracións de vehículos (máis de 50 motos nas dunas da Enseada do Trece; roteiros de TT e Quads en LIC como Ancares, Courel, Costa da Morte); concursos e campionatos con e sen autorización administrativa (Serra do Candán), competicións non legais e clandestinas (denuncia en Cuntis e Moraña por competicións de quads e motos ó lado dun colexio); apertura ilegal de circuítos ( p.e: circuíto de Lalín na Serra do Candán, circuíto en Negreira introducíndose dentro do río Tambre, movemento de terras nas inmediacións do Carballal de Coiro en Moaña); situacións de imprudencia e inseguridade a terceiras persoas en espazos públicos e de protección natural (atropelado un sesaxenario na praia de Area Secada na Illa de Arousa e que necesitou atención médica; denuncia pública da Comunidade de Montes de András en Vilagarcía); destrucción áreas de restauración ( en zonas de revexetación e restauración de vías de servizos de Parques Eólicos, e sendeiros recuperados despois do Prestige na Costa da Morte).

5) Que na actualidade Galiza non conta con ningún tipo de Regulamento específico que detalle e estableza as normas para o uso destes vehículos en vías forestais, camiños, e dentro de zonas de alto valor natural e espazos naturais protexidos:

Aínda así, na actualidade considérase a circulación de vehículos a motor dentro dos espazos galegos catalogados coma protexidos coma “infracción grave”, en virtude do disposto no artigo 64.8 da Lei 9/2001 de Conservación da Natureza de Galiza, agás que se conte con autorización administrativa.

Tamén é de aplicación o disposto no artigo 54.2, sobre o acceso público, da Lei 10/2006, do 28 de abril, pola que se modifica a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes. Esta di: “A circulación con vehículos a motor por pistas forestais situadas fora da rede de estradas quedará limitada ás servidumes de paso que houbera lugar, a xestión agroforestal e as labouras de vixilancia e extinción das Administracións Públicas competentes. Excepcionalmente, poderá autorizarse pola Administración Forestal o tránsito aberto motorizado cando se comprobe a adecuación do vial, correcta sinalización do acceso, a aceptación polos titulares, a asunción do mantemento e da responsabilidade civil”.

····

6) Con relación á normativa específica son varias as Comunidades Autónomas que nos últimos anos teñen desenvolto regulamentos ou disposicións precisas ó abeiro da Lei de Montes ou das súas respectivas Leis de Conservación da Natureza. Estas son:

DECRETO 96/1990, DE 26 DE XUÑO, DA DIPUTACIÓN GENERAL DE ARAGÓN, POLA QUE SE REGULA A CIRCULACIÓN E PRÁCTICA DE DEPORTES, CON VEHÍCULOS A MOTOR, NOS MONTES BAIX A XESTIÓN DIRECTA DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE ARAGÓN.

DECRETO 124/1995 DE 11 DE MAIO, POLO QUE SE ESTABLECE O REXIME XERAL DE USO DE PISTAS NOS ESPAZOS NATURAIS DE CANARIAS. MODIFICADO POLO DECRETO 275/1996, DE 8 DE NOVEMBRO.

DECRETO 34/2000, DE 29 DE FEBREIRO, PARA A REGULACIÓN DO USO RECREATIVO, A ACAMPADA E LA CIRCULACIÓN DE VEHÍCULOS A MOTOR NO MEDIO NATURAL. DECRETO 90/2005, DE 26 DE XULLO DE 2005 POLO QUE MODIFICA O DECRETO 34/2000.

DECRETO 4/1995, DE 12 DE XANEIRO DA XUNTA DE CASTILLA Y LEÓN, POLO QUE SE REGULA A CIRCULACIÓN E PRÁCTICA DE DEPORTES, CON VEHÍCULOS A MOTOR, NOS MONTES E VÍAS PECUARIAS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE CASTILLA

DECRETO 166/1998, DE 8 XULLO, DE REGULARIZACIÓN DE ACCESO MOTORIZADO Ó MEDIO NATURAL.

DIPUTACIÓN FORAL DE GIPUZKOA.- DECRETO FORAL 29/1990, DE 2 DE MAIO, POLO QUE SE REGULA A CIRCULACIÓN DE VEHÍCULOS A MOTOR NOS MONTES PATRIMONIAIS DA DIPUTACIÓN FORAL E DE UTILIDADE PÚBLICA DO TERRITORIO HISTÓRICO DE GIPUZKOA.

DIPUTACIÓN FORAL DE ALAVA.- DECRETO FORAL 25/1993, DE 26 DE XANEIRO, POLO QUE SE MODIFICA O DECRETO FORAL DO CONSELLO 200/1991, DE 12 DE MARZO, QUE APROBOU A NORMATIVA QUE REGULA A CIRCULACIÓN DE VEHÍCULOS A MOTOR NOS MONTES PATRIMONIALES DO TERRITORIO HISTÓRICO DE ALAVA, E DE UTILIDADE PÚBLICA DOS SEUS CONCELLOS E ENTIDADES.

DECRETO 29/1994, DE 12 DE MAIO, POLO QUE SE REGULA A CIRCULACIÓN E PRÁCTICA DE DEPORTES CON VEHÍCULOS A MOTOR, EN MONTES XESTIONADOS POLA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE LA RIOJA.

DECRETO 110/1998, DE 27 DE OUTUBRO. CIRCULACIÓN E PRÁCTICA DE DEPORTES CON VEHÍCULOS A MOTOR. LEI DA COMUNIDADE DE MADRID 8/1998, DE 15 DE XUÑO DE VÍAS PECUARIAS.

DECRETO FORAL 36/1994, DE 14 DE FEBREIRO, POLO QUE SE REGULA A PRÁCTICA DE ACTIVIDADES ORGANIZADAS MOTORIZADAS E A CIRCULACIÓN LIBRE DE VEHÍCULOS DE MOTOR EN SOLO NON URBANIZABLE.

DECRETO 183/1994, DE 1 DE SETEMBRO, DO GOBIERNO VALENCIANO, POLO QUE SE REGULA A CIRCULACIÓN DE VEHÍCULOS POR TERREOS FORESTAIS.

7) Que precisamente a situación está a chegar ó punto de que xa é necesario, de xeito inmediato, avaliar como se están resentindo moitos elementos determinantes parar a catalogación destas áreas, flora fauna e hábitats de interese prioritario, antes de que o proceso de deterioro poida derivar en situacións de impacto crítico e irreversible, ben por afección directa, ou pola derivada dos efectos sinérxicos orixinados pola combinación doutras actividades (promoción parques eólicos, ocupación urbanística, etc.).

8) Que producto destas prácticas non suxeitas a control efectivo están resultando danados de xeito significativo e xeneralizado a maioría dos ENP de Galiza.

Neste sentido constátase unha masiva afluencia destes vehículos, tanto en número coma en frecuencia de aparición, nos seguintes espazos Rede Natura:

* Costa Ártabra: Principalmente en sistemas dunares coma o da Frouxeira, San Xurxo, e Doniños. Destacar que os Monte de San Xurxo-Lobadíz na práctica están convertidos nun campo de autocrós, feito ademais denunciado.
* Xubia- Castro: Forte erosión de camiños nas marxes fluviais dos ríos Xubia e río Castro, vadeo de ríos e regatos, con afluencia importante de motos e quads en fins de semana e días festivos.
* Serra do Xistral: Prodúcense concentracións de quads con roteiros establecidos tanto no Xistral coma na Serra de Meira, principalmente en fins de semana, festivos, e no verán. Alta erosión, e é frecuente observar rodelas e trompos destes vehículos sobre turbeiras ó pé das pistas de servicio dos parques eólicos. Existe constancia de quads enterrados case ate o manillar en turbeiras deste espazo.
* Serra do Candán: Concentracións rutinarias nos fins de semana de numerosos vehículos de moto cross e quads. Moi afectados os camiños da Devesa de Ameixedo-Bustelos e a de Moa (conforman o bosque caducifolio máis importante en extensión da provincia de Pontevedra). Concentracións e competicións no val do Río Grobas. Apertura dunha pista ilegal de quads de 2,5 km de lonxitude por parte do Concello de Lalín. Autorización campionato de moto cross ó longo de 55 Km dentro do espazo protexido en plena temporada de cría de especies ameazadas, en particular aquelas que crían no chan ou moi sensibles a molestias e en situación legal de ameaza (Circus pygargus, Circus cyaneus, Bubo bubo, Circaetus gallicus, Anthus campestris, incluso é a única cita de cría de Assio flammeus rexistrada en Galiza nos últimos anos). Forte erosión das pistas e zonas de restauración dos dous parques eólicos existentes na zona. Considerar factor risco de incendios.
* Brañas de Xestoso: Concentracións quads e motos en fins de semana, con saídas fora das pistas.Unha das escasa zonas de Galiza na que existe cría probable/segura de sisón Tetrax tetrax.
* Serra do Cando: Concentracións quads e motos en fins de semana, con saídas fora das pistas do parque eólico.
* Serra do Careón: Organízanse roteiros de quads e motos por dentro do LIC, carreiras polas pistas do parque, e saídas das pistas, erosionando zonas con solos serpentiníticos e que albergan especies de flora en perigo de extinción (Santolina melidensis, Armería merinoi, Sagina merinoi, Leucanthemum gallaecicum e Centáurea janerii subsp gallaecica).
* Costa da Morte: Concentracións de quads, todoterreos e motos en importante número en fins de semana, principalmente en primavera e verán. Roteiros e viaxes organizados de ata 250 quads que se introducen dentro dos límites do LIC en numerosos puntos (incluso excursións organizadas dende Madrid). Competicións ilegais de autocrós en dunas de interese de conservación prioritaria. Aparcamento sobre dunas. Circulación por camiños estreitos de cantís e problemas de erosión. Circulación e carreiras por praias, e aparcamento en praias. Destrucción de cercados de protección en áreas dunares restauradas despois do Prestige. Destrucción niños de especies ameazadas coma o Charadrius alexandrinus. Destrucción de zonas que albergan flora en Perigo Crítico de extinción Rumex rupestris; en Perigo de Extinción coma o Omphalodes littoralis subsp.gallaecica;Vulnerable Chamnaesyce peplis.

Prodúcese grave afección principalmente nos seguintes ecosistemas dunares:

a) Sistema dunar Baldaio e Razo (Carballo): Con denuncias reiteradas (de mariscadores, organizacións ecoloxistas, Axentes protección Natureza).Alta frecuencia na presencia de vehículos e todo tipo de infraccións. Molestias á fauna.

b) Balares (Corme) e Monte Branco (Ponteceso): Caravanas de todoterreos e de quads, e as dunas convertidos en circuítos de autocrós. Na barra de Monte Branco se extinguiu nos últimos anos como reproductor a Píllara papuda Charadrius alexandrinus. Para acometer e favorecer un plan de recuperación da especie é necesario eliminar este impacto..

c) Soesto (Laxe): Neste sistema dunar destaca a presencia dunha planta catalogada “En Perigo de Extinción”, Omphalodes littoralis subsp.gallaecica. Esta poboación está exposta e afectada pola presencia continuada de vehículos sobre as dunas1. Trátase dun Hábitat de Interese Prioritario, que na práctica é un verdadeiro campo de autocrós, no que ademais se consolidou unha pista ilegal pola presencia continuada de TT.

d) Traba (Laxe): Con circulación de quads por riba do sistema dunar e chegada de TT incluso ata a lagoa. Prodúcense molestias en período de cría e invernada de aves.

e) Enseada do Trece (Camariñas): Caso insólito, no que perfectamente se poden observar as rodelas deixadas polos vehículos en fotografías aéreas (google earth) sobre un dos sistemas dunares mais espectaculares da Península. Prodúcense campionatos de saltos e adestramentos, con concentracións de máis de 50 motos sobre vexetación da duna remóntante (80 metros de altura), e na que se orixinaron fortes procesos de erosión e desestabilización. Prodúcese tamén a chegada de TT ó interior da Enseada do Trece procedentes do Cemiterio dos Ingleses.

f) Dunas de Lourido (Muxía): Circulación sobre as dunas de quads e vehículos en xeral, a pesar do balizado provisional de protección establecido por Costas e o antigo Comisionado do Prestige.

g) Pista da praia de Arnela (Muxía): Unha vez eliminada e revexetada a pista de acceso á praia, aberta durante o Prestige, a zona restaurada foi destrozada polo paso de quads.

h) Nemiña (Muxía): Apertura dunha pista ilegal de 2 km. sobre un Hábitat de Interese Prioritario, e que na actualidade sofre unha forte erosión polo tránsito de TT quads e motos. Empréganse os montículos da duna coma circuíto de saltos e de autocrós. Provócase a afección directa a un dos poucos enclaves galegos que alberga unha colonia de choia biquivermella Pyrrhocorax pyrrhocorax.

i) Sistema dunar e praia de O Rostro (Fisterra): Prodúcense caravanas de quads pola praia, nun dos poucos areais galegos nos que aínda cría a Píllara das Dunas (Charadrius alexandrinus). Saltos e carreiras entre as dunas. Aparcamento de TT e autocaravanas (practicamente durante todo o verán) sobre as dunas. Provócase a afección directa a un dos poucos enclaves galegos que alberga unha colonia de choia biquivermella Pyrrhocorax pyrrhocorax.

k) Dunas de Arnela (Fisterra): Salto e circulacións de quads aproveitando as fortes pendentes existentes. Prodúcense danos significativos a zonas restauradas despois do accidente do Prestige. Aparcamento de TT na mesma praia. Con presencia de especies de flora En Perigo crítico (Rumex rupestris) e Vulnerable (Chamaesyce peplis).

l) Mar de Fora (Fisterra). Sistema dunar desfeito pola presencia de todo tipo de vehículos, con caravanas de quads e TT. Prodúcese a acampada sobre a duna de autocaravanas durante todo o verán.

* Carnota Monte-Pindo: Organización de roteiros turísticos pola praia e proximidades da marisma. Na base do Pindo en Caldebarcos caravanas de quads e TT. É unha das poucas praias con cría de Píllara papuda, e hai constancia de niños afectados polo tránsito de quads.
* Monte e lagoa de Louro: Convertido nun circuíto de autocrós para motos e quads. Molestias a fauna da lagoa, con atropelo de anfibios e de niños con posta de píllara papuda. Incluso navegación dentro da proia lagoa das Xarfas. Corrixido en parte coa posta en marcha do proxecto de xestión e restauración realizado pola Fundación Global Nature.
* Complexo Húmido de Corrubedo: Presencia de quads, motos e todoterreos no complexo dunar e montes anexos entre Xuño e Basoñas (Porto do Son), sen ningún tipo de control. Caravanas de quads e incluso incursións dentro do Parque Natural. Destacar tamén a presencia de Omphalodes littoralis subsp.gallaecica, e zona reproductora de píllara papuda.
* Costa da Vela: Concentracións e caravanas de quads e TT nas pistas forestais que levan a praia de Melide. Levantamento de po e intensificación procesos erosivos.
* Macizo Central: Circulación de caravanas de quads e rutas de TT. Problemas de erosión pistas. Considerar factor risco de incendios.
* Bidueiral de Montederramo: Circulación de caravanas de quads e rutas de TT. Problemas de erosión pistas. Considerar factor risco de incendios.
* Serra do Faro: Concentracións anuais de quads e competicións. Frecuentado asiduamente, principalmente en fins de semana. Circulación a velocidades elevadas polas pistas forestais e do parque. Erosión camiños forestais e en zonas de restauración (revexetado) do parque eólico. Atropelo de anfibios, e molestias a aves rapaces reproductoras. Ningún tipo de control.
* Courel: Principalmente caravanas de TT por calquera pista da Serra,incluso aparcando no interior dos camiños que se meten na devesa da Rogueira. Intensificación procesos erosivos, e molestia a fauna. Necesidade de abordar Plans Integrais de Xestión do Territorio para recuperación de oso (xunto unidade Alto Sil-Ancares). Considerar factor risco de incendios.
* Ancares: Tradicionais roteiros para TT con formación de caravanas, raid e concentracións e probas de longo percorrido. Intensificación procesos erosivos, e molestia a fauna. Necesidade de abordar Plans Integrais de Xestión do Territorio para recuperación de oso e pita do monte.
* Pena Trevinca: Tradicionais roteiros para TT con formación de caravanas, raid e concentracións e probas de longo percorrido. Intensificación procesos erosivos, e molestia a fauna. Considerar factor risco de incendios.
* Río Támega: Circulación de quads a alta velocidade, concentracións e caravanas, polas pistas da parcelaria nas marxes do río Támega.
* Esteiro do Tambre: Nos límites do LIC, dentro do Concello de Negreira, instalación dun circuíto que invade e cruza a canle do río.

9) Que preocupa especialmente o impacto e afección continuada que se está a producir en territorios coñecidos e estudiados, nos que figura a presencia de especies de fauna ameazada, moi sensibles a molestias e perturbacións de orixe antrópico e en período de cría. A non previsión de medidas de ordenación da circulación de vehículos pode supoñer (e así xa ten acontecido en varios zonas) unha posibilidade moi alta de arruinar a temporada de cría de individuos pertencentes a especies en perigo e recollidas no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas:

Na lista podemos incluír especies coma, Circaetus gallicus, Circus pygargus, Circus cyaneus, Asio flammeus, Pyrrocorax pyrrocorax, Tetrax tetrax, Anthus campestris, Chioglossa lusitanica, Rana temporaria, Lacerta monticola, Discoglossus galganoi, Pelobates cultripes, Bufo calamita, etc.

8) Que sobre os espazos da Rede Natura debe aplicarse a normativa ambiental vixente relacionada coa protección dos valores naturais polos que destacan dentro do conxunto do territorio galego, particularmente sobre aqueles elementos de flora, fauna, e hábitats máis vulnerables e ameazados. Debe terse en conta que nos LIC é de aplicación tanto a Directiva 92/43 de Hábitats, e a Directiva 79/ 409 sobre a conservación das Aves silvestres. Para estes lugares protexidos deben aprobarse plans de conservación e xestión, e aplicarse medidas cautelares mentres non sexan aprobados.


Vista a exposición de motivos solicítase:

1) Que se poña freo o deterioro ambiental xerado polo uso indebido de vehículos a motor sobre hábitats protexidos, flora e fauna ameazada presentes nos Espazos Naturais Protexidos de Galiza, e en consonancia cos obxectivos perseguidos pola normativa de protección que rexen estes espazos.

2) Que se aplique o Réxime de Protección Preventiva disposto na Lei 9/2001, prohibíndose a realización de campionatos e/ou concentracións de vehículos a motor dentro dos ENP, mentres non estean aprobados os respectivos Plans de Conservación ou Xestión. Recordando que, ante a dúbida na interpretación da lexislación por un suposto bacío legal ó respecto (que non é o caso) sexa aplicada a norma no sentido estricto e no que se vele en primeiro lugar pola conservación de calquera dos elementos protexidos, no lugar de expoñerse a situacións de risco.

3) Que non se repitan autorizacións por parte da Consellería de Medio Ambiente, coma no caso acontecido o pasado fin de semana no ENP da Serra do Candán co motivo da celebración dun campionato de motocrós, cando estas están carentes do rigor necesario esixible para avaliar o alcance da devandita actividade, ou das derivadas da mesma, sobre os elementos ameazados presentes no espazo (p.e:localización flora e fauna ameazada e dos seus hábitats, molestias a fauna ameazada, período crítico de cría,etc.), e non existindo un protocolo de vixilancia e control da actividade.

4) Que a Consellería de Medio Ambiente e na parte que corresponde á Consellería de Medio Rural asuman de xeito inmediato, a necesidade de regular e ordenar a circulación de vehículos a motor fora das estradas principais de circulación, é dicir en pistas forestais e camiños existentes en montes e en espazos naturais protexidos, e en xeral en espazos forestais. O obxecto do mesmo é o de evitar a destrucción dos valores naturais dos montes, zonas forestais, espazos protexidos, e tratar de impedir a erosión dos solos.

5) Que se regule de forma minuciosa este tipo de actividades, co obxecto de velar pola utilización racional de tódolos recursos naturais, protexendo e restaurando o medio natural. Neste sentido Galiza pode seguir o exemplo levado adiante por outras Comunidades Autónomas, no relativo ó desenvolvemento dun regulamento específico que amplíe o disposto na normativa vixente (Lei 9/2001 de Conservación da Natureza e da Lei 10/2006, do 28 de abril, pola que se modifica a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes), referida á circulación de vehículos a motor fora das estradas principais e en espazos naturais protexidos e outros de alto valor ambiental, sen prexuízo do réxime que se fixe nos Plans de Conservación, PORNA e PRUX dos espazos naturais protexidos.

6) Que se proceda á restauración ambiental daqueles lugares que encontrándose dentro de espazos naturais protexidos resultaran significativamente danados polo inadecuado uso de vehículos coma quads, motocrós ou TT.

7) Que o regulamento sobre a circulación de toda clase de vehículos a motor en montes, espazos forestais, e ENP, incorpore cuestións coma:

1. Establecemento de usos permitidos, limitacións e prohibición de acceso a pistas forestais, camiños, sendas, etc. En función das características do espazo e a vulnerabilidade das unidades territoriais presentes.
2. Sinalización de camiños autorizados.
3. Condicións da circulación rodada nas zonas autorizadas: Ancho mínimo das vías (prohibido nas inferiores a 4 metros); velocidade máxima de circulación (non máis de 30Km/h); prohibición tránsito de caravanas ( non máis de 5 vehículos); límites de nivel de ruído; autorizacións especiais. Outras
4. Definición contido de autorizacións especiais: xustificacións, períodos establecidos,etc.
5. Definición criterios para apertura de novas vías, circuítos pechados, circuítos abertos de longo percorrido e perfectamente delimitados, etc.
6. Establecemento de medidas sancionadoras.
7. Outras.

8) En fin, poñer orden a tanto descontrol e que na práctica supón incrementar innecesariamente o deterioro do noso territorio e biodiversidade e tan sobreexplotado por outras actividades que necesitan dunha alta ocupación do territorio.

9) Se nos manteña informado das medidas adoitadas.

10) Se facilite copia deste documento ó resto de organismos da administración galega que poidan ter responsabilidades na devandita cuestión.

Sen máis, despídese atentamente

D.Martiño Nercellas Méndez.

Biólogo,en representación da Federación Ecoloxista Galega.

En Lalín, a 31 de maio de 2006



ESTAMPITA

OUUUUuuuu

Levo tempo dándolle voltas a esto pois oubear o que penso pode xerarme enemistades mais...

Certamente como pequeno aforrador (cada vez mais pequeno pois é imposible bater a inflacción por medios legais e seguros) prodúceme certo temor a historia da posible estafa dos selos; perder os escasos aforros familiares que un coida seguros é un pao.

Mais pao é perder o ingreso suplementario que eses aforros investidos onde un consideraba seguros xeraban para complimentar á pensión de xubilación.

O certo é que 400000 persoas son moitas para seren consideradas "incautas"... !!Quen llas dera a certas formacions políticas como borregovotantes¡¡ (xente que vota á cegas). Esta vai ser unha das claves da inxusta solución política do tema.

Seguramente dun xeito ou outro todos acabaremos pagando ese Billon (1.000.000.000.000) de pesetas que se 'esfumaron' ainda que só sexa pola vía do impacto que a desaparición de tal cantidade pode supor nun sistema capitalista.···

Ben, a situación entón é que moita xente puxo aforros i esperanzas nunha xestión que estaba en tela de xuizo (reiterados avisos e denuncias das asociacions de consumidores) e que o fixo sen cercionarse de que ese investimento tivese unha rendabilidade baseada en algo real senon que se conformaron con recibir o pago mensual dos intereses. Nen tan sequera se preocuparon cando se lles dixo que eses dividendos NON TRIBUTABAN, semelloulles normal e SENTIRONSE MOI LISTOS e afortunados por teren atopado un xeito de que o froito do seu traballo (ou dos seus 'negocios') batese mes tras mes á inflacción sen o risco da bolsa nen os 'lios ficais' do investimento inmobiliario...

Agora pode que esteña a sair á luz un sistema piramidal no que os aforros das 'novas adquisicions' financiaban os intereses dos antigos pois os "bens tanxibles" nos que se investía estaban sobrevalorados (até un 800%). Levará 4 ou 5 anos chegar a un xuizo que promete ser unha batalla a varias bandas... Por un lado os acusados tentando demostrar non xa que a estafa non existía senon que se facía sen intención e sen proveito para eles; os afectados tentando "pringar" ó estado e as 'auditoras' como única esperanza de recuperar algo do investido (por moito que algún ainda insista en que "me sigan pagando como hasta ahora" -menuda faciana-); por outra banda os partidos políticos tentando aproveitar esa bolsa de votantes desesperados e botandose a responsabilidade uns ós outros; os medios de in-comunicación facendo 'carnaza' dos diversos dramas humanos (afectados, acusados, responsabeis de auditorias e inspeccions...).

Diante deste panorama eu, falador sen custe, quero proporlle ás autoridades que se asesore e axude ós afectados que ACEPTEN UNHA REVISIÓN DAS SÚAS DECLARACIONS DE IRPF E PATRIMONIO DOS ANOS QUE LEVAN COBRANDO DIVIDENDOS SEN DECLARALOS, nesa revisión deberanse aplicar os correspondentes xuros de demora e sancions por ocultar o cobrado; do mesmo xeito deberase xustifica-lo orixe dos cartos investidos. Pode que o balanzo non lles saia á conta.

A quen non lle vai sair esto ben é ó conxunto da cidadanía pois ó xa sinalado impacto da "desaparición" deses cartos do sistema xuntarase a retracción no investimento que a falla de confianza vai xerar, os custes da investigación e o xuizo (que se poderían adicar a outras causas)... Saben mais os economístas desto dos "impactos no sistema" mais coido que nos próximos anos xurdiran estudos titulados "o impacto da estafa filatelica no PIB" e cousas polo estilo...

Cumpreanos das letras

VIVO DIAS ESPERANZADOS

DE ETERNAS ANSIAS PASAXEIRAS

DIAS DE FROITOS QUE MADURAN

AGARDANDO CHEGAR A DONDE QUEIRAN

DIAS DE TOXO QUE NON MANCA

A QUEN CON AGARIMO O ENTREGA

DIAS DE FLORES ETERNAS

MIL PRIMAVEIRAS DA LINGUA GALEGA


Hoxe cumpre 8 anos esta chispa que fai anda-lo motor da vida

Dani na CAC

Apariencia, Sensación e 'realpolitik'

OUUUUuuuu

Co galo da anunciada ruptura do pacto de goberno en Cataluña e tendo en conta as moitas semellanzas que existen co goberno 'tou-quim' (tamén chamado bipartito) por aquelo de que eiqui tamén hai tapados agardando esa caida para facerse (de novo) co poder; co galo deste tema, dicia, quero falar da subtil diferencia entre as forzas políticas "maioritarias do estado" na súa concepción do marco territorial········

Non descubro ren á hora de dicir que para o PP non é precisa nengunha reforma formal na constitución ou nos estatutos de autonomía. Subliño de de formal pois eles fixeron, cando precisaron, reformas 'de facto' que agora agochan asustados polo que se poda dicir delas. Para este partido a estructura territorial debuxada na constitución está ben i é inamovibel como, quixeran, que o fose a própia constitución malia as necesárias reformas para resolve-lo tema sálico ( ainda que alguns do PP se preguntan porqué) e a adhesión ó TCUE (que tampouco está claro). Para eles a APARIENCIA dun conxunto coordinado de niveis administrativos que atenden ás empresas (sempre en 1º lugar) e ós cidadans (benéficamente, claro) sen facer caso da vontade destes mais ca por compromiso unha vez cada 4 anos; esta apariencia é a realización do seu modelo.

Outrosí e digo. Mais por dar saida a unha coñecida presión (interna) e como parte dun compromiso de ZP cos que lle apoiaron para a secretaría xeral do P$O€ esta forza abriu a presa da reforma e as augas corren nun dobre camiño batendo en cada sitio (ou nación, como queirades) cuns obxectos e producindo uns sons diversos, identitarios e realistas.
Non se trata, dende logo, de 'unha reforma' senon de un xogo delas (que nin a conxunto chega) sen planificar, xa non detalladamente, senon sequera estratéxicamente na que se percura en cada caso un obxectivo.
En Valéncia cumpre a misión de 'facer palanca' na brecha interna do PP.
En Cataluña ? ah, boa cuestión. Eu xa teño indicado o meu abraio diante das habilidades de ZP para 'rebotar' o tema cáseque sen danos (por moito que o PP berre: "España se rompe") e por a M'amargall nun bó lio.
Polo tanto o P$O€ vai da aparaiencia á SENSACIÓN; sensación de que creamos un novo marco estabel (como lles presta empregar este vocablo no canto de inamovibel) no que colar as reformas que o sistema precisa sin entrar no fondo dos temas e, o mais importánte, dando a sensación de que os cidadans somos escoitados.

¿I en Galiza?; dende antes da sinatura do pacto de goberno levo sinalado que este xogo ou xogada era posible pois, si ben o PPdG non se mostraba disposto tan sequera a sentarse a negociar unha reforma estatutaria ben se ve que todo era (i é) "facer tempo"...Coidaban oir ranxer a engranaxe do goberno 'tou-quim' i esperan mete-la cuña no momento preciso. Por elo o debate non tivo, polo de agora, altura política. Coido que segundo se acheguen as eleccions municipais (test de rentabilidade politica do goberno ????) o PPdG vai a tentar acentua-las diferencias entre P$sG e BNG para, si os resultados son propicios, tentar un asalto mais serio. Por elo O BNG fai ben en apostarse á porta da moncloa por si a marcha de ERC en Barcelona é seguida por unha saida formal da 'gobernabilidade' en Madrid como viñen a sinalar cando se iniciou esta xeira.

CRISE

OUUUUuuuu...

Eu, que son ó meu xeito un "pobrecito hablador" non podo deixar de falar do que me dá no caletre.

Por elo quero comentar como o parco instrumento das verbas i a manipulación que delas fan os seus "profesionais" nos deixan pinturas da actualidade que teñen pouco que ver coa realidade.

Chámame a atención como a verba CRISE (esa que seica os chineses din igual que OPORTUNIDADE) se empregou sen reserva alguha á hora de falar da renovación do goberno do estado español; cando, tódolos analistas coincidiron en que a 'parte do león' dese movimento tivo mais de proactivo que de catartico. Explíqueime xa nunha entrada anterior (que non enlazo por aquelo dos 'egopoints' así que: ¡¡percurade!!) e mánteñome nelo coa salvedade da substitución da ministra de educación e ciencia que, se cadra, tivo mais de recoñecimento de erro no canto a 'altura política' que outra cousa.Ó cabo, non vin nin vexo crise naquel movimento como en moitos outros (incluso alguns dos que fixo Fraguenstein) senon mais ben un preparar para algo.

Moi o contrario que o que está a acontecer no goberno da empresa USA (ese que ten sede en W.D.C.) e que vai peneirando demisions 'anunciadas' e surpresivas dende hai meses. Non vou pescudar nas hemerotecas nin nos blogs de comentários políticos do "imperio grande" mais non teño dúbida: HAI CRISE e ben grande. ¿Terá que ver co inminente ataque ó Iran?, ¿seran froito do enfrontamento segredo entre os que ainda creen no 'goberno do pobo' e os axentes (Rumsfield) do 'goberno das empresas'?. Seña como seña, a cousa non vai parar ahí e tod@s nos e os nosos xeitos de vida presentes e futuros estamos polo medio.

E, xa que estou a falar de crise vou a reseñar unha nova que chuzou un compañeiro e que engade outro nome a unha lista noxenta pois a compoñen persoeiros que 'abandoan' "La Voz"... ¿Por? coido que se trabucan os editores deste e doutros periódicos pois os pensadores libres teñen, polo de agora, toda a rede para faceren chegar a súa luz a quen a precise. O problema é que só os atopará quen os busque.


ORIXE

FLOR

NAI