Mostrando entradas con la etiqueta Eko-lo-sis-mo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Eko-lo-sis-mo. Mostrar todas las entradas

Maxia 2019

OUUUUuuuu... Nesta ocasión non vou centra-lo conxuro no tema da coroa esa senon no troco de visión que precisaría a sociedade e que preveo que non vai a acontencer polo menos nestas latitiudes dado que a Xerontocracia gobernante non é capaz de ver nin o problema da contaminación e os residuos nin o problema do remate das enerxías fósiles.

Abundancia.
A maioría das persoas xa ten abondo cos problemas da vida diaria, as súas frustracions e sonos como para poder asumir os asuntos públicos, os da sociedade así que mercan doadamente calquer discurso que lles ofreza solucionar as cousas con pouco ou nengún esforzo pola súa parte.

Así as cousas e dado que as opcions políticas que reciben mais oportunidades nos medios de comunicación son aquelas que teñen financiación e que esta só pode proceder de bancos ou empresas non pode sorprender que sexan refens dos seus intereses.

Así pois a primeira norma á hora de xulgar unha alternativa política debera ser DEMOSTRAR INDEPENDENCIA FINANCIEIRA.

A partir de ahi poderíase falar dos problemas das persoas, da sociedade, do planeta que son todos o mesmo: A falta de equilibrio no balanzo recursos-residuos que a actividade humana ten causado nos derradeiros 150 anos.

Así as cousas cal é a solución?

Non hai unha solución e moito menos si só miramos ó emprego da tecnoloxía "milagrosa"; esa que nos queren vender os "viaxantes de crecepelo... porque por moito que nos digan nin hai recursos nin hai tempo.

Debemos aceptar que a primeira medida é REDUCIR:

*Reducir desprazamentos sobre todo de recursos; voltar á producción cercana, local.
*Reducir consumos enerxéticos
*Reducir.

Si unha cantidade moderada de xente aceptara esto teríamos esperanza pero nada de iso vai pasar, non por sí só, non espontáneamente e mentas os medios de comunicación esten en mans ou dependan dos ingresos de bancos e empresas é imposible.


2018 o fin da esperanza

OUUUUuuuu... Seguramente hai xa tempo que a esperanza de deter a catástrofe do ecocidio colectivo se perdeu; vai 15 anos cando non se quixo invertir en desenrolar tecnoloxías enerxéticas renovables para a mobilidade, en reducción de residuos e sobre todo cando non se entendeu que o que precisa a humanidade é un decrecemento.

A nivel político constatouse que a xente nas protodemocracias occidentais é doada de enganar e que maioritariamente se vai mercar calquer discurso que nos manteña sentados no sofá cómodamente ata o mesmo intre en que a tele se apague por falta de suministro eléctrico.

A nivel global China consuma o sono capitalista sendo a primeira "dictadura do capital" con grandes corporacions igual de depredadoras que as occidenteais pero con un único partido ó que pasarlle os sobres. O seu plano de expansión mediante a creación de débeda vía investimentos en infraestructuras que logo cobrará en materias primas é consentido polo resto dos paises mediante o tipo de troco artificial de yuan porque antes os chineses empregaron as súas reservas en merca-la débeda dos gobernos irresponsables de occidente que agora non poderían pagar un só día dos seus estados sen ese respaldo.

Seguimos metidos na pota e quen cociña vaille dar mais lume ó fogo antes de que se lle esgote a bombona, non sabemos si nos cocerán antes ou si antes afogaremos nos propios excrementos.



Bretaña; a Galicia extendida

OUUUUuuuu...
Cargando co encargo duns amigos... 6 metros de menhir.

Dende logo que sei que unha visita de 5 días non da coñecemento dun territorio e menos un tan grande como a Bretaña pero deixademe que vos conte as miñas impresions e pensamentos derivados agora que xa pasaron uns días.

 Paisaxísticamente as diferencias son notables pois só parte do territorio galego se semella ó bretón... en xeral é menos montañoso que Galicia mais incluso na costa se semella pola cantidade de rias e enseadas pero teñen outra "arquitectura".

A vexetación é bastante semellante ó que debeu se-lo bosque atlántico en Galicia: nin sombra de eucaliptos nin marcas de incendios forestais. Abondan os espazos naturais na sinalización dos lugares.

Na distribución humana do territorio dous parámetros de interese; unha concentración parcelaria feita no século XIX deixou grandes propiedades que son as que sosteñen a un abondoso tecido agroindustrial e unha rede de comunicacions sen autoestradas de peaxe (en Francia as autoestradas son de 3 carris) pero con moitas autovías ou vías rápidas que comunican as principais cidades e fan de eixo vertebrador do territorio.

Á igrexa de Noia saiulle un cruceiro... Pont l'abbe.
Visualmente hai moitos sitios nos que un pensa que está en Galicia... a abondancia dos cruceiros e outros elementos en pedra, a parsimonia coa que se vive nalgunhas vilas... pero tamén hai notables diferencias. A pirámide poboacional xa mostra signos de envellecemento mais non tan acusado como en Galicia, a cultura tradicional está moi presente mais sen caer en cerrazóns innecesarias; ós novos participan das festas populares aportando a súa visión pero son as formas e manifestacions populares as que reciben mais afluencia de público e aplausos.

Peto de ánimas... 

A min visualmente semelloume que era como si a Galicia a "estirasen" polos bordes marítimos e no estiramento lle rebaixaran as montañas... teño a impresión de que aquí se podería ter chegado a algo semellante si a reforma agricola se tivera feito no seu intre e iso faime pensar si agora somos unha reserva de biosfera xustamente por esa falta de desenrolo... unha especie de "decrecemento programado" que ninguen quixo pero sucedeu. A única diferencia ó noso "favor" é que as grandes cidades estan dentro do terrritorio e na costa mentras que en Bretaña as grandes urbes son fronteirizas co interior de Francia (Rennes e Nantes) e históricamente son o menos bretón de Bretaña.

O nexo cultural entre Bretaña e Galicia existe, seguramente non tan forte como ós panceltistas pretenden mais non tan anecdótico como en Madrid e Paris quixeran... debemos seguir tirando del sen pretender convertilo nunha causa excluinte senon nun punto de apoio no que os pobos periféricos de europa se podan ver reflexados.


Maiosaurios

OUUUUuuuu...

Novamente temos ós "maiosaurios" na rúa; mirade non mo tomedes a mal que seguramente nesas marchas teño moitas amizades ás que aprezo e seguramente tamén teño mais afinidade estatísticamente coa xente que nelas está que coa que non mais...

Hai dúas realidades que as manifestacions do 1º de Maio  se empecinan en ignorar.

Unha a evidencia de que o sistema está totalmente asentado e adaptado a esa "movilización" feita por carreiros sinalados na data que lle deixan e coas limitacions coñecidas; mentras, as pensions dunha gran maioría da poboación semellan desvinculadas do traballo e non se fai nada por romper esa ilusión ben artellada polos medios: os vellos pensan que as súas pensions poden seguirse cobrando cos poucos e moi precarios traballos de agora.

Por riba non hai ningunha mensaxe contra o control da enerxía por un entramado que a encarece e a produce cun alto custe ambiental; tampouco nengunha mensaxe cara a un troco de modelo e dunha maior conservación dos recursos naturais... todo iso vai caer no segundo feito.

As manifestacions do 1º de Maio pertencen a un tempo pretérito e industrial e a unha "clase" obreira moi diferente da que agora sosten a economía de servizos... non hai conexión e as mensaxes soan a bramido de dinosaurio en extinción.

Seguimos coa xantaxe de que todo vale por un posto de traballo malia a que sexa precario e mal pagado... un posto de traballo que non só non terá pensión senon que non garante as actuais... seguimos dándolle a espalda ó medioambiente.... seguimos ignorando que @s traballadores de agora semellamosnos pouco ´@s dos anos 70... titulados e traballando en servizos polo tanto sen un "producto" que impedir...

Nin o sinto; vexo así a realidade e polo tanto a expreso.

Mecanismos de defensa PsicoSocial

OUUUUuuuu... Hoxe vou, outra volta, a pasar un día de praia á vista do estadio dos "turkos". Haberá quen diga que si fago eso non son tan celtista como digo...

Penso que ahí está unha clave desta sociedade: Cando a xente ten un problema co que non se atreve a enfrontarse se refuxia facéndose radical en algo no que pode obter recompensa e apoio de grupo... e así temos a hordas de xente que é capaz de batirse en duelo pola cor da camiseta mais non move un dedo polos problemas do seu día a día deixando que os goberne xente que non elexiu e que faga cousas que non estaban no seu programa electoral e infrinxindo a lei.

Este tipo de xente quere, ademais, ignora-la realidade do esgotamento do modelo económico e enerxético e os graves sacrificios e grandes trocos que veñen... 

E marcho que teño que marchar.

Cara a un troco de coordenadas na política

Vai pouco mais de 2 meses chegou ás miñas mans o libro de Manuel Casal Lodeiro @casdeiro que baixo o subtítulo "Apuntamentos para un debate urxente" fai un repaso ás enormes incoherencias que cometen os partidos políticos respecto ás coordenadas nas que se "xogan" os problemas que afectan e afectarán a nosa sociedade.

A verdade é que o libro apunta claramente a unha parte das formacions políticas actuais; aquelas que dende a asamblea revolucionaria se situaban á esquerda do atril... pura casualidade desvirtuada polo paso do tempo e a realidade de partidos que xa nin son obreiros nen socialistas.

O problema que está a enfronta-lo razonamento político actual o describe ben Manuel: "é que concibe os problemas sociais como separados dos ecolóxicos ··· interpreta todo en termos de clases, explotación, desigualdade ··· conceptos que considera distintos e separados da cuestión dos recursos, dos impactos ambientais e da sustentabilidade en xeral..."

E claro, facendo eso demóstrase que non se ten nin idea da dimensión do problema e polo tanto non se vai ser capaz de articular unha solución coherente nin se vai a apostar por un "decrecemento ordeado" e paulatino que permita un futuro (nen sequera podemos xa engadir "mellor").

Xa fai un tempo escribin sobre as novas coordenadas nas que eu, pequeno observador, situo os conflitos actuais: CO vs PRO; coido que os meus pensamentos se ven reforzados non só por este libro senon pola xeira de referencias perfectamente engarzadas e alineadas no trascorrer da obra... levo moito tempo leendo sobre o "peak oil" e a necesidade dun "decrecemento" e ata o de agora non atopara unha explicación tan clara sobre os contraargumentos para afianza-la necesidade de ir tomando xa medidas.

Vos recomendo a publicación que aínda estades a tempo de apoiar na súa segunda edición.

Hai que chegar ós verdadeiros lideres mundiais...

OUUUUuuuu... o pasado domingo celebraronse en moitas cidades do mundo marchas contra o troco do clima; en Nova Iorque estase a celebrar un cumio gubernamental sobor do clima e hai unha chea de manifestacions para "sensibilizalos".... todo inutil.

O activismo medioambiental debe deixa-lo postureo apupador e marcarse obxectivos prácticos entre os verdadeiros decisores, os que poden troca-las accions que nos conducen ó desastre; en concreto hai que facerlles saber cales son as consecuencias para os seus negocios a medio prazo, as perdas de ventas, os gastos de protección, os pagos dos seguros... argumentos contundentes que lles fagan reflexionar.

Cómo chegar ós empresarios e propietarios de empresas chinesas, hindues e rusas? Cómo facer entender que a falta de medidas de control os fará caer antes de despegar? Si os Lobbies poden as organizacions medioambientais tamén e deberían entrar nese xogo porque sería mais efectivo non só ensinarlles "o qué" senon "o cómo" para facilita-lo troco.

Visualizar como o ROI dos actuais investimentos se vai a afundir e como as primas de seguros non van cubri-los danos das catástrofes sucesivas será mais efectivo que xente berrando e encadeada a barandillas.

Carta a Soria...

Como si non abondase co "Wertido"...
OUUUUuuuu... Ministro; de non ser porque é doado albiscar que o teu pronunciamento non é mais ca un "postureo" ante unha decisión errónea que perxudica ó interés xeral pero beneficia a uns poucos (entre eles tí mesmo que tes xa un vástago colocado na compañía á que beneficias) titularía esta carta aberta dicindo "Eu tamén vou con Soria".

A verdade é que o recurso populista á "necesidade de emprego" xa é dabondo chabacano e xantaxista como para precisaren outras artimañas que calquera sabe, en vista dos poderes ós que apuntan e a lexislación vixente, que serían bloqueadas de contado nos altos tribunais... e para proba o simples pero rotundo feito de non ter promulgado o decreto co "imposto especial" no mesmo intre de autoriza-las prospeccións para que, dende o primeiro metro cúbico ou barril, se imputase o seu pago.

O mais tremendo da túa incoherencia, para min, é que eres capaz de deixar de lado (con esa fráxil memoria que só tedes algúns privilexiados na política) que xa hai sitios dabondo nos que a producción e extracción de enerxía alteran o medioambente, terras asolagadas por encoros, montes con centos de aeroxeneradores, vales como este do bierzo baixo unha capa de contaminación ben visible cada vez que se queima carbón nas centrais....

Estaría ben que ese "imposto especial" abarcase a tódolas instalacions que extraen ou producen enerxía e que revertisen dunha vez no sitio onde esta actividade causa os danos e non en Barcelona onde outros políticos de fráxil memoria ou xuizo din que "lles rouban" porque o que alí "se recauda" non revirte alí... esquecen que o que alí "se recauda" se produce noutras partes só que a amalgama de despropósitos da lexislación lles permite pagar onde lles peta... o pouco que pagan para o dano que fan.


Ó fin burlados

OUUUUuuuu... a verdade é que non tiven azos (nin tempo) para escoitar toda a sentenza... a verdade é que esperabamos esto dende aquela... a verdade é que sabíamos que se ian rir de nós novamente...

11 anos dempois aquela negra masa volta a proir no meu ánimo... lembro as praias de Malpica, lembro as praias do meu querido Aguiño...  as horas baixo a choiva embutido no traxe coa máscara...

O tipo do chiste dos "hilillos de plastilina" é presidente do goberno... aquel chulo da torre de Marfil segue chupando do bote... os poucos imputados absoltos.... "a culpa foi do barco"... e nada se puido facer mellor.

As argumentacións son febles no que puiden ouvir, pero xa non quero escoitar mais, estou emponzoñado de dor.

O peor non é todo aquello e esta burla final o peor é que se mañan se deran as circunstancias VOLTARÍA A PASA-LO MESMO.

A hidra do outono.

OUUUUuuuu... Agora é cando se fai preciso que cada persoa faga algo polo territorio que habita e ama, agora é cando os que nos arremangamos no chapapote esparcido polo insigne presidente astur (xa veremos que fai si outr petroleiro rompe diante de Xixón) collemos o batelume e nos botamos ó monte castigado porque o concello que lle tocou en sorte non viste a camisola da equipa vencedora; esa que acude presta armada de cámara fotográfica e mangueiriña...

Outra volta a hidra das mil cabezas nos abate coa súa lingua fedorenta de destrucción... a "economía do lume" substitue ó complot das mafias ou os paracaídas phantasmas... si en algo non se distinguen os gobernos deste país é en gabarse cando a cifra de lumes baixa e escudarse en teimas cando a súa incapacidade é manifesta. Pero o que é facer políticas que alonxen o lume dos santuarios naturais que nos quedan: 0.

Vín ós homes chorar tra-las cinzas de Monterrei, vín ás mulleres chorar nas praias do piche pero aínda non vin a cáseque ningún facer algo para evitalo. Tras 30 anos do mesmo haberá que facer algo diferente senon queremos identico resultado.

Un debate adiado

OUUUUuuuu...

Vexo que nin os gobernantes son quen de conserva-la calma e se lanzan, agora, a xustificar a opción nuclear como si fose unha decisión tomada e irreversible: "Excusatio non requiratur, acusatio manifesta".

É certo que as circunstáncias acontecidas en Xapón son extraordinarias, mais entraban dentro das variables a valorar pois segue a ser unha das zonas 'quentes' teluricamente falando da terra.

Pero leva-lo debate este ó terreo da seguridade é un engano; quen así o faga saberá de antemán que o territorio peninsular ten moitas menos probabilidades de ter fenómenos como os acontecidos; eu, no tema nuclear, coido que o debate de ser levado a outros puntos de suposta vantaxe que non son tanto.

DEPENDENCIA:

  • A tecnoloxía ten patente extranxeira e, supoño, é controlada por compañías extranxeiras.
  • O combustible é importado de zonas "extranamente" inestables politicamente o que fai probable que os problemas de suministro sexan manipulables por entes e motivos externos.
  • O enriquecemento para que o uranio sirva de combustible faise no extranxeiro en instalacións nada baratas (o valor engadido marcha fora).
  • O residuo ha de ser procesado fora e voltar para unha almacenaxe prolongada (definitiva).
CUSTES NON TIDOS EN CONTA:
  • A construcción de instalacions de almacenaxe de residuos a longo prazo.
  • O transporte de combustible enriquecido e de residuos antes e despois do procesado.
  • As novas liñas de transporte da enerxía para as centrais.
  • Os dispositivos de prevención de catástrofes, os cursos de formación, os simulacros anuais... todo eso DEBE repercutir no cálculo de custes dunha central nuclear e no balanzo á hora de toma-la decisión.
E, como resposta ó argumento de que non termos centrais non nos librará dos accidentes das centrais dos viciños dicir que neso é no que se sabe quen "manda" na UE... si fose ó revés fai tempo que Spain tería pechadas as centrais 'porque yo lo valgo' pero Francia non só precisa as centrais senon, tamén, o negocio dos enriquecedores de uranio e o tratamento a curto prazo dos residuos.

Aínda temos 10 anos para trocar-lo modelo de provisión e gasto enerxético e de transporte terrestre antes de que o colapso do mercado do petroleo poña fin á esta orxía de desperdicio... que os nosos descendentes nos perdoen.

Ouro sen cor

OUUUUuuuu... Semellará unha parvada dicir que a auga no país dos galegos ten algún problema e cecais debera centrar este gran de area no Blog Action Day 2010 nos graves problemas que millons dos nosos conxéneres teñen para accederen á este elemento tan esencial coma ignorado.

Pero non; tra-la falsa imaxe de sobre-abondancia que existe respecto da auga en Galicia o certo é que nin nas súas cantidades nin, sobor de todo, nas súas calidades a auga sobra no noso medio.

A principal ameaza para a auga é o consumo irresponsable deste recurso por parte das poboacions e industrias, a súa contaminación cáseque dende as fontes de nacemento por elementos químicos de toda clase tanto os empregados na agricultura como nos fogares ou nas empresas e a falta de rigurosidade á hora do procesado das augas que empregamos. Por outra banda a reiterativa alteración dos cauces de auga superficiais e profundos por obras de infraestructura humana influe negativamente na súa disponibilidade.

Asi que chove si, chove que abonda i enchoupa, pero non sobra.

O mar de petroleo

OUUUUuuuu... A propósito do novo desastre ecolóxico que se esta a vivir no golfo de México unhas pinceladas:

1) Os medios, como sempre, lentos; ou BP e as autoridades americanas ocultaron información, que todo pode ser.

2) A subida do petróleo que esto encubrirá posiblemente xa non nos abandoe...

3) Canto tardará Feijoo en ofrece-la "experta" axuda galega para palia-la situación? recomendarémoslles que prolonguen a tubería da plataforma mar adentro para que o petroleo se disperse? Recomendarémolles que lle chamen "plasticine threads" ó que sae da explotación?


Ay, si gobernasen aínda Bush e Aznar... cantas cousas terían que compartir¡¡¡ Spain estaría no ollo do mundo.

Apaja a lus Marilus...ou como deixa-la conciencia tranquila.

1º Abonda dicir que eu tamén apagarei as luces ás 20:30 mais...

Vexo moi descarado que neste tipo de actuacions que son unha chamada de atención da cidadanía ós poderes políticos para que se tomen en serio o problema enerxético-climático se sumen as institucions.

Con iso as institucions non só fan a apariencia de "a nós xa nos preocupa o tema" sinon que envolven este xa de por sí acto simbólico nun papel de agasallo que o transforma nunha especie de doativo miserecordioso, un novo domund.

Si a administración quere facer algo que faga ALGO e si quere participar simbólicamente que o faga, pero en silencio; non facendo delo outro acto mais de propaganda. Porque tendo uns edificios, uns vehículos, alumbrado público de rúas, avenidas e polígonos hai campo mais que dabondo para o aforro enerxético sistemático e continuo e non para apaga-las luces un sábado. Porque existindo tantas e boas alternativas no deseño, execución e avaliación de políticas enerxéticas se cae na parodia constante.

Hoxe apagamo-la luz para enceder o futuro e non o noso sinon dos que veñen detrás...

Cemiterio SI pero non para o que din

OUUUUuuuu... Moitas verbas se están a verquir ó redor do tema do "cemiterio nuclear" eufemisticamente chamado "Almacén temporal de residuos" e non me extrana porque delo penduran non só a seguridade dos habitantes da zona en cuestión senon que o transfondo é o propio modelo de producción enerxética que se quera seguir e nese argumento está o erro.

Hai quen pensa que o 'almacén' en cuestión será para darlle pulo a un novo plano de centrais nucleares... posiblemente eso estese a pensar nas altas cúpulas do poder das finanzas e as electricas (todos os mesmos) pero o asunto é que, en realidade o problema xa existe e o que se trata é de implementar unha solución.

Por elo eu digo que o 'almacén' SI pero dentro dun programa de peche progresivo de centrais nucleares a 30-50 anos vista. Dimensionado só con esa capacidade e coas medidas de seguirdade axeitadas... outra cousa que me chama a atención nesto do 'nuclear civil' é porqué temos que pagar TOD@S por uns refugallos que se producen para o lucro de empresas privadas, estaselles a cobrar unha tarifa que cubra os gastos presentes e futuros e os posibles riscos? posiblemente si a factura polos refugallos radioactivos fose a que debería ser as industrias electricas non estarían tan interesadas no nuclear...ou é que a saúde pública non ten LUCRO CESANTE?

As verbas como armas e os carteis como bombas

OUUUUuuuu... 16 días en prisión sen xuizo por poñer en evidencia ós politicastros que se dedicaron a FALAR no canto de facer de líderes e ACTUAR.



Nunha tan audaz como pacífica acción 3 humanos puxeron os puntos sobre os ies e lle demostraron ós medios in-comunicativos que só eles podían creerse que o de Copenhaguen merecía tan sequera o nome de "acordo"...

Cometeron delicto? si, como tantos outros...falsificaron documentos, suplantaron identidades, asocianronse con unha finalidade...nada que non fixeran os banqueiros, CEO de multinacionais e poderosos magnates financieiros. Só que a súa era a finalidade de manternos alerta ante a mentira e a infamia duns grupos de poder que se están a facer fortes na súa riqueza mentras esgotamos o tempo e os recursos da nosa casa; a terra.

16 días (e que días) de cadea porque hai carteis que son como bombas tal e como as verbas son as armas que dicia o poeta.

Climate change a crisis beyon the crisis

OUUUUuuuu...Bueno, non é que eu pense que o troco climático sexa peor que a crise económica; de feito coido que, en certa medida, esta crise é unha cortina de fume que tende a rebaixa-la atención sobre as verdadeiras REFORMAS ESTRUCTURAIS que habería que facer de cara a ter unha auténtica estratexia de futuro para TOD@S.

Así as cousas engádome a esta causa do Blog action day.

As montañas do norte.

OUUUUuuuu...

O primeiro favor que nos fan as montañas é que nos axudan a ergue-la vista
.

Para min é a frase mais senlleira das ditas na conferencia de presentación do DVD impulsado pola plataforma para a defensa da cordilleira cantábrica presentado o día 30 de xaneiro no salon de actos do edificio de usos múltiples da ULE en Ponferrada.

Un pequeno gran documental sobre esta formación montañosa que eiquí estivo antes ca nós e que seguirá malia as desfeitas que o irreflexivo actuar dos humanos faltos de perspectiva.


O DVD narrado por Joaquin Araujo na versión en castelán ten pistas de son en eskara, asturianu e galego (traducción do novo home para todo da CRTVG: Xurxo Souto) e se apoia en fermosísimas fotos de diversos colaboradores da plataforma e nunha banda de son feita específicamente para a obra por Lolo Moldes.

Lonxe de quedar nunha descripción da orixe e características desta cordillera, a obra abrangue os aspectos mais delicados como o impacto das infraestructuras e das actividades humanas e como perxudican á estabilidade dun sistema complexo e rico como é o da montaña.

Hai signos de ameaza e de esperanza; do roteiro que @s cidadans permitamos que se siga dempenderá a HERDANZA que lle deixemos ás persoas que aínda non coñecemos (por non teren nacido) mais ca dependen do que nós fagamos para que non lles pase isto...



Gostei moito da resposta que se deu respecto a como cadra-la necesidade de mais enerxía eólica e a conservación do medio: "Que se fagan os parques eólicos en Marina D'or"...

Patagonia, agardando o seguinte erro

OUUUUuuuu... A historia da "colonización" da patagonia polo home occidental é a de unha sucesión de erros, soedades e bravura. Unha clara demostración de como as actuacions ben intencionadas pero mal reflexionadas causan estragos no medio no que se interven e, o peor, non ten posibilidades de acadar o resultado desexado.

É o caso dos castores introducidos para a explotación peletera e que por mor da ausencia de depredadores non valeu para elo e se ten convertido nunha praga que ameaza os bosques ribereños non só da illa grande de Tierra del Fuego senon tamén das illas de mais ó sur e da parte continental na que xa están a dar problemas. O coello de castela foi outro caso que se solventou coa mixomatosise mais que antes propiciou outro erro coa introducción do zorro gris. A explotación gandeira de bovino e ovellas e a caza ameazaron a Guanacos e Llamas (ata a case extinción dos primeiros) e teñen en perigo ós Pumas que, como todo na natureza, non entende de balados nen fronteiras.

A explotación petrolífera e o tráfico marítimo teñen ameazadas as especies mariñas como Pinguinos e Leons Mariños e a expansion turistica precisa dun mellor control para que toda a beleza que viñemos a contemplar non se perda "morrendo de éxito". Non chegan as instruccions ós visitantes, son precisas algunhas restriccións e sancions para que as persoas tomen consciencia do importante que é conservar estes paraisos.

E non só hai que tomar medidas locais cos visistantes, hai que facer sensibilización... dos glaciares que levo visto nesta viaxe só un non está en franco retroceso e os propios lugareños comentan que estes verans con tantas precipitacions e vento non son os habituais na zona... o clima troca e ten que ver co que facemos e como o facemos así que está en nós, en todos nós, poñer remedio.

Nostradamus, Obama e a fin do mundo coñecido

OUUUUuuuu...Non é que transfome este blog nun site de esoterismo; só que dándolle voltas ó tema da ¿crise? e das eleccions imperiais tiven unha 'visión'.

Nostradamus predixo os acontecementos da fin do mundo que coñecía dende a súa prespectiva falando do home mais poderoso sobre a terra como o papa de Roma; hoxendia sabemos que ese home poderoso é o papa de Washington e mira tí por donde todo apunta a que vai ser un afroamericano (café con leite que dí a miña observadora) o que ocupe ese posto. ¿e qué? pois que a predicción de nostradamus fala dun papa negro...

O capitalismo financieiro que tomara as rendas do mundo como unha continuación do mercantilismo cunha alta refinación e complexidade ven de sufrir graves feridas que, a pouco que apreten os problemas verdadeiros da xente (contaminación, insustentabilidade do modelo mercar-tirar, troco do clima, superpoboación, falla de alimentos, falla de enerxía...) a cousa se pode convertir no "final dos tempos coñecidos".

É doado deixarse levar pola imaxinación e casar pequenas pistas, o temor fai funcionar a mente de xeito selectivo vendo e casando o que precisa para retroalimentarse...O medo é libre mais, carallo parece que se achega.