A man que xa non me agasalla

mMarchou a man que me agasallaba, a que me deu aloumiños...

Pero non é tempo de tristeza porque tódolo seu esforzo e traballo non foi en balde.

Veu ó mundo ó pé da lareira e do forno da casa familiar que os seus pais contruiran eles mesmos ó pé da vella estrada... Moi pronto quedou orfa de pai e en canto tivo mais altura que as ovellas iniciou a súa "carreira profesional" pois sempre foi de oficio "traballadora".

Así que andivo coas ovellas e labrou, puido acudir un tempo á escola, apenas o xusto para saberen leer, escribir e facer contas.

Con esa bagaxe formativa xa se dedicou a outras cousas; emprendeu.

Comerciou con sombreiros na feira, fabricou fideos de pasta na casa cunha máquina que mercou, aprendeu a poner permanentes en duas sesions e de seguido se puxo a poñelas na casa materna...

Logo andivo a servir nas casas dos que podían (e dos que trataban de abusar) alí foi sen apenas roupa pero coa vontade rexa que a caracterizaba, asistiu nos partos das veciñas, prantou pinos no monte do carrio... e como a necesidade era de comer e as oportunidades poucas se dedicou a caretar no Wolframio das minas da brea nas noites sen lúa... todo elo sen deixar de labrar.

Cando chegou a hora de ter familia emprendeu outra vez... a ruta da emigración; a dor que aquela partida lle produxo era patente cada vez que contaba a longa travesía no paquebote cara a Venezuela. Alí durante 27 anos se fixo a sí mesma primeiro servindo nun aloxamento; logo cosendo, cociñando nun local cun socio e mais adiante xa pola súa conta.

Demostrou tamén grandes dotes de visión estratéxica e con habilidade nos guiou cara ós estudos e conqueriu montar unha relación tan fraternal como si convivísemos xuntos así que na hora do retorno topei que aquela música coa que me criara pensando que os meus pais "non sabían falar" era unha lingua de seu que me servía para entender á terra da miña orixe.

A volta non foi á do indiano rico e tamén demostrou capacidade de adaptación inventándose a si mesma un posto de froitas que pronto combinou  co restaurante familiar sen deixar de labrar e, en canto tivo de seu, de coidar da súa horta e a súa pequena facenda.

Alí traballou ( ata que o seu corpo non puido mais, non por necesidade crematística senon porque o seu corpo e a súa mente non entendían a vida sen traballo.

Coido que tiña tódalas cualidades que os guruses valoran nas persoaxes de éxito: Innovou, emprendeu, inventouse e reinventouse a sí mesma, tiña visión estratéxica e sabía recomponerse si a situación se torcía.

Gracias a ela e a xente como ela o noso punto de partida nesta crise é un pouco mais alto e seguindo o seu exemplo a bó seguro que habemos de sair desta situación; iso si, para elo teremos que tomar medidas como sociedade para ser nós quen ten verdadeiramente o control (e a responsabilidade) do que suceda.

No hay comentarios: