OUUUUuuuu...Seica ata os periodistas van de vacacións e poden así distinguir ‘dende fora’ os males do oficio sempre, claro, nos erros alleos.
A des-información habitual dos medios comerciais e/ou ideolóxicos acentúase nas tempadas de lecer cando os grupos de aleccionamento descansan e deixan de faceren as súas campañas de intoxicación e dirección informativa.
É entón cando se pode apreciar con claridade que o habitual se fai nova ata o extremo do ridículo no canto que as novas semellan anécdotas ou simplemente “non sucesos” porque ¿a quén lle pode interesar que morran milleiros de persoas de fame en África si en Écija chegan a 40º en xullo?.
Os problemas da maioría dos humanos provócanos uns poucos que se enriquecen e privilexian por elo e non por fenómenos meteorolóxicos normais. Vemos centos de reportaxes sobre os mesmos temas mais ningún do que hai “antes”. ¿que hai antes de que 60 persoas embarquen nunha chalupa cara a unha viaxe con 600 veces mais risco que cruza-la península en coche?. ¿que hai antes de que o mineral X chegue ás fábricas onde o transformarán en compoñentes para alta tecnoloxía?.
Proxectís invisibles para guerras silenciosas. Estamos inmersos nun conflicto de información que perdemos a diario primeiramente porque ninguén gusta de oír tódolos días as miserias do mundo e logo porque as fontes da nosa información non son limpas e teñen como finalidade manter unha aparencia de coñecemento que non é tal.
Logo están as linguas afiadas dos nosos políticos que conseguen un manexo singular da linguaxe para dar a entender o que non están a dicir; por exemplo, si me din que unha obra non é seguro que se poda realizar no prazo previsto mais que, formalmente, imos manter o calendario publicado saio e digo que a obra vai a “estar licitada” que é como dicir que os papeis seguen o trámite normal. Dos cartos para a obra e da obra en si non digo nada, mais enténdese...ou non. Si digo que se vai facer un seguimento con xuntanzas informativas trimestrais co ministerio en cuestión semella que cada tres meses se vai levar conta do estado das obras e da execución presupostaría da mesma mais si se trata dun tema ‘informativo’ ¿para que xuntárense? Abonda cunha chamada ou Fax. Si o compromiso fora firme quen tería que falar é o presidente do goberno vía presupostos do estado.
Un informe do tribunal de contas denuncia corruptelas varias dos actuais e anteriores gobernos e cada medio de comunicación se centra no que lle prace sen apreciar falla nos asuntos que incumben á formación que promocionan ou dando por boa a resposta chulesca do partido sinalado “nós non temos de qué arrepentirmos” como si o despilfarro dos cartos de tod@s fose o obxectivo da tarefa de gobernar.
A prensa empresarial ten perdido toda credibilidade malia as campañas de supostas investigacións e preocupación polo benestar cidadán; só lles preocupa acadar beneficios a costa de convenios coas administracións, convenios que asinan políticos con ambicións e sen programa, sen ideas mais que a de acada-lo control da cousa pública no beneficio seu e dos seus amigos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario