Contraofensiva dixital

OUUUUuuuu

Pois si que está trocando o patio... si antes eran os populares os que sinalaban ás páxinas de internet (los genoveses, arredemo etc.) como fonte de difamación e crispación agora semella que entenderon que as TIC permiten non só proporcionar a información que a cada un lle interesa senon que ten a vantaxe engadida de obter o tan preciado "feedback" e non só iso; senon que coas ferramentas axeitadas todo o tráfico se pode analizar para obter datos ate o de agora insospeitados.

Así, o fillísimo ten un blog no que hai alta participación; tamén hai un confidencial adicado específicamente á sucesión de Don Manuel e outro sobor dos "desmanes" do Bipartito no que non admiten as opinions anónimas á que son tan dados noutros foros; moitas opinions se verquen no foro "o futuro do PPdG" que ten un link a un rancio exemplo das características desta xente: A elección da "chica PPdG.com".

En fin, ando a cavilar que o que realmente acontece na politica deste pais non é un conflicto territorial senon un conflicto xeracional (inter e intraxeracional) dos que as pasaron 'putas' co franquismo e chegaron a esta oligo-protodemocracia e os que fomos educados no conto de fadas do "poder do pobo" e "un cidadan un voto" que non vemos por ningures. Mais desta volta o poder establecido non está pola laboura de adaptar o modelo político a esta nova sociedade, polo de agora...

O estatuto das 7 pragas.

OUUUUuuuu

Coma si dunha maldición mesiánica se tratase está a ser tratado o texto da proposta de reforma do estatuto de cataluña(.PDF en castelán 384Kb.) aprobado polo 90% dos deputados do "parlament". A inicial alarma do tradicionalmente nacionalista español Partido Popular se veñen a engadir outras formas non menos chamativas de reacción dende o "donde dije ni una coma digo nada fundamental" ate reaccions que dan risa por non chorarmos como "urticaria" por parte dun 'urticante nato' ou desmembramento de institucions que neste momentos están duplicadas ou triplicadas (como o de valedor do pobo) ou supostas trabas na "cohesión interna" da economía...

Entón coido que o erro de Maragall (¿ou de ERC?) foi non facer un referendum ANTES de enviar a proposta ás cortes xerais; veríamos o apoio real (en cifras de participación e aprobación) do texto e tamén como respostaban os politicos profesionais á "vontade do soberano" que tanto din representar. Está claro por outra banda que alguns ven palla e borralla para os demais e consinten e calan no própio...porque si o problema é o 'poder politico' e os 'movementos envolventes' nas caixas de aforro ("la Caixa", CajaMadrid e outras como peons dos partidos) haberá que porlle solución e non trabar as solucions que os demais lle dan. O mesmo que ter un defensor do pobo que non proporciona información e atención na lingua dos cidadans i, é mais, critica que se protexa e fomente esta parte do patrimonio cultural cando debera actuar coma un ente descentralizado e coordinado (unha especie de consello interterritorial) a nivel europeo pois os dereitos cidadans que están destinados a protexer son os mesmos ¿ou non?.

Indefension, inmersión, opción e revisión.

OUUUUuuuu

Nestes días en que as forzas centrípetas anda a argallar como terxiversar a vontade do 90% do parlament de catalunya (¿logo non din que os representantes equivalen á poboación e, por elo, negan o dereito ó referendum vinculante?) eu quixérame centrar en como TOD@S falamos da feira como nos vai nela e facemos causa de liorta aquela discriminación que nos interesa (económica ou ideolóxicamente) e no a discriminación en sí mesma.

Vai uns días Enrique Múgica sacou da chisteira (i é que semella un chiste) unha misiva á ministra de Educación sobor dos "modelos de inmersión linguistica" que se estan a aplicar en cataluña, baleares e ¿galiza?. I é que ó chistoso este preocúpalle só a lesión de dereitos que sofren os que queren usa-lo castelan como lingua vehicular e residen nesas comunidades... para partirmonos.

Dende eiquí non podo mais que proclama-la miña indefensión diante dunha persoa tan partidista ó fronte dunha institución como a de "defensor del pueblo" que se lembra só dos dereitos que lle peta e ignora (como reflexa este informe do consello de europa) a marxinación que ainda vive o galego non só na educación senon na vida cotián. Eis esta o informe do 2004 no que ignora as reiteradas peticions da Mesa Pola Normalización Linguistica i entroques si reflexa como discriminatorias as politicas dos escasos concellos que promocionan o galego coma "lingua vehicular". Seguro que a este o fan membro de honra da AGLI.

E xa que estamos a falar de liberdade de elexir (si claro, sempre que se elixa o que eles queren). ¿Porqué non incluimos na carta á ministra de educación unha petición para que seña o ensino da relixión católica unha opción e substituimos esa hora obrigatoria por unha asignatura de "Cidadanía e convivencia" na que se lle ensine ós rapaces as súas obrigas e dereitos como cidadans i a facer as colas, non tirar lixo ó chan etc.?. Esa opción non lle interesa ó señor Múgica e polo tanto a institución que dirixe (rixe digo eu) fai "mutis".

Con respecto a esta liberdade de elexir e ó polémico trato privilexiado da relixión católica no contexto dun "estado aconfesional" (art. 16.3 constitución española "amén") con "relacions de cooperación" quero facer causa e difundir unha iniciativa cidadan que solicita ó goberno a revisión do concordato coa iglesia católica.
Dende esta páxina (en galego) podedes asinar electrónicamente a solicitude, baixarvos o texto da mesma e baixar formularios en .pdf para recoller sinaturas.
Nos foros podedes opinar sobor do tema e relata-las vosas experiencias.
Coido que é unha iniciativa interesante e, de feito, está no punto de mira do liberalismo capitalista que a ataca co débil argumento de que hai outras relacions privilexiadas (como ás dos sindicatos); si, débil porque en concordato.org ningúen lles impide montar unha iniciativa similar co fin que desexen; só queremos deixar de subvencionar directa e indirectamente a unha institución que tente impor os seus puntos de vista por tódolos medios i emprega a educación para adoctrinar e crear inxustiza social i de xénero.

12/10/2005: Veño de cavilar en que o ensino obrigatorio da asignatura de relixión constitue unha estratexia de "inmersión"; xustamente esa que tanto se critica con respecto ó ensino dun idioma. Polo tanto o que queda meridianamente claro é a falta de liberdade para elexir que é contra o que reclamamos uns e outros i é o que non temos en todo: dende o modelo de estado e goberno até que i en que idioma deben estudiar os nosos fillos.



En derradeiro termo, mais non menos importante quero difundir e facer explicito o meu apoio á candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués a ser proclamado pola UNESCO como "obra prima do patrimonio oral e inmaterial".

Sensación confusa

OUUUUuuuu

Xa se ve que ando algo "lento" nestes días i é que ando mais ás miñas carreiras e comentários varios que a deixar eiquí testemuña do que penso.

A piques estiven de atoparme con Iolanda Castaño (xa sabedes que lle teño grande admiración) nun obradoiro de poesía organizado pola Fundación Caixa Galicia en Santiago (coido que este Venres hai outro). Mágoa xa sabedes o mal que se me dan as verbas, sempre me corto con elas.

Eclipseime; foi un fermoso espectáculo (ainda que a min o de aplaudir me semella parvo), moi didáctico por moito que os docentes lle temesen e puxesen trabas para que os rapaces o visen.

Tamén é que estou a agardar unha nova aportación de Brais Prego de Montaos sobor do curso das cousas en Eire tra-la entrega das armas i o abandono da violencia por parte do IRA. Eu vexo moita esperanza nas desesperadas manifestacions de quen, de súpeto quedou sen escusas para trata-los temas políticos que de verdade afectan á vida dos habitantes do Ulster. A pelota está no tellado unionista.

Nación

OUUUUuuuu

Esta é a verba que nos vai traer de cabeza nos próximos meses e que vai centrar o debate político non sei si acertadamente ou como obxecto de trifulca para nos distraer do verdadeiramente importánte: Que sexamos os cidadans os que exerzamos de xeito responsabel e permanente o poder político.

Ó redor deste debate irresoluble do centrípeto e o centrífugo publicouse hoxe no diario "el pais" un artigo de Suso de Toro titulado "La nación española" no que, fora de non estarmos de acordo coa teoría de que os que él menciona coma Partidos democráticos deben:...
Sustituir la actitud de reafirmación particularista por el respeto, atención y diálogo, iniciar un movimiento inclusivo...
Fai unha impresionante análise da realidade social do estado dende 1939 e dos sucesivos "contratos sociais" que nos achegaron a actual situación.

Xa deixei dito que a reforma do estatuto non é como o tema das seleccións unha cuestión de imaxe ou de "carnaza" para o consumo interno. A creación dun marco regulador que se aproxime ó sentir dunha sociedade que ten mudado neste anos de Constitución (o que inclue unha mais fonda consciencia de ser nacion) é un desexo e unha responsabilidade para a nosa xeración que non vive marcada pola lembranza non tanto da terrible guerra coma do vivido dempois desta:...
A cada familia se le ofreció el pan blanco, becas para los hijos, las gradas de los campos de fútbol y la quiniela del domingo. A cambio, los dueños del pan, de las becas, de las gradas y de la quiniela pedían no la amnesia, pues no se produce de modo voluntario, sino algo peor: la traición al pasado, a la propia identidad. Negar lo vivido. El pan por la dignidad, o al menos por la sumisión. Y la sumisión crea súbditos.

E, ó mesmo tempo, un marco regulador que poña en auténtico valor a capacidade da cidadanía para decidir cando e como quere voltar a trocar ese marco regulador para facer creible a Democracia.

(In)-Movilidade

OUUUUuuuu

Onte foi o "dia europeo sen coche" encadrado na seman da movilidade un grupo de iniciativas encamiñadas a reduci-lo consumo de combustibeis fósiles porque outra cousa semellame dubidosa...

O modelo Ego-Edonista de personalidade que nos meten polos ollos tódolos días e por tódolos medios baséase, entre outras cousas, na reivindicación do medio individual de desprazamento que emprega combustible. Tanto o urbanismo como o xeito de entede-las cousas por parte da xente implica ter e poder desprazarse rápida e doadamente en calquer momento.



As campañas como a arriba mencionada tentan que a xente empregue o transporte público, que comparta vehiculo, que se desprace en medios non contaminantes ou a pé. É evidente que se trata de iniciativas publicitárias que lles permiten ós políticos aparentar que se preocupan polo medio ambiente mais non existe traballo serio para que estas iniciativas se manteñan no tempo.

Con relativa frecuencia emprego os medios arriba sinalados para ires ó traballo; hoxe quero falar do arriscado que é desprazarse en bicicleta.
Emprego unha bicicleta de montaña con rodas lisa (de estrada); levo casco e chaleco homologados, circulo por unha via principal (a Avda. de Galicia) mais... A escasa iluminación, a non existéncia dun carril-bici pensado para circular (hai un de paseo) , a conducción a exesiva velocidade e a ausencia de respeto cara ó ciclista por parte dun grupo de conductores fan moi perigosos os escasos 5 Km. de desprazamento. É frecuente que non se ceda o paso a un ciclista nunha rotonda; que se lles adiante a pesares da ausencia de espazo, etc... Por elo a utopía da xoia do Amstel non é posibel en Ponferrada ainda que a cidade presenta condicions xeográficas para elo.

Eclipse

OUUUUuuuu

Os dezans da miña quinta se cadra lembrarán o tema de N-525 que levava este título. Nesta ocasión as terras do Deza (e as de grande parte de galiza) quedarán no centro dun espectacular eclipse anular de sol.
29/11/2005
EIQUI IA UNHA ANIMACIÓN DA ECLIPSE MAIS A TIVEN QUE RETIRAR POIS O PC SE REINICIA CADA VOLTA QUE TENTA CARGA-LA.
Mágoa que a NASA sega a empregar mapas de hai 30 anos...

Tamen podedes investigar si a vosa localidade queda dentro da zona central do eclipse con este mapa interactivo ('san google' polo medio); por exemplo vese que eiqui no Bierzo será visibel na parte Sur-Oeste de tal xeito que verase en Ponferrada pero non en Bembibre
Nesta outra animación vese o desenrolo xeral da eclipse tanto na súa zona de sombra como na zona central.


Será a partires das 10:40 (08:40 UT) da mañan; Nesta páxina da Universidade complutense explicanse os diversos dispositivos que se poden empregar para a observación do fenómeno. Será unha boa ocasión para que os "apañados" da casa fagan nota-las súas habilidades.



Se non temos sorte coa meteoroloxía ou non temos apaño para ve-lo eclipse sempre poderemos veno la TV ou por Internet(live westcast).

Moito e Pouco

OUUUUuuuu

Tras unha viaxe intensa, didáctica, moi divertida e non exenta de incidentes teño demasiados temas acumulados dos que quero falar e pouco tempo; a ver si cun pouco de sorte me despexo nos próximos días.

Da viaxe xa fun escribindo un pouco (o mais doado) mais ainda non subin fotos nen escribin sobre o substancial.

Dos temas pendentes o que mais me preocupan son os que teñen que ver co "terrorismo occidental" (ETA e Irlanda) pois nos dous casos estánse a producir movimentos de tensión... A ver si Braisiño deixa as crónicas bucólicas i entra no tema das marchas e incidentes aproveitando que case é testemuña presencial. Todo semella que agora vai se-lo protestantismo o que se acolla á violencia na rúa para presionar politicamente. No caso de Euskadi as trifulcas son mediaticas e constituen "tomas de pulso" á sociedade de cara a o inicio dun proceso indubidablemente necesário para a paz: A negociación.

Lumes III

OUUUUuuuu

Agora que non hai crise, agora que case non hai lumes, agora que as cinzas escomenzan a verse arrastradas pola auga, agora...
É hora de falar. Semella que o señor Romay Beccaria quedou moi marcado polo tema dos lumes cando foi conselleiro (lembrades o famoso veran dos paracaidas incendiarios?, que serían eses artiluxios en verdade?, quen os botaría?). Nun artigo de opinión titulado "Mi respuesta al llamamiento del consellerio Suarez Canal" publicado na Voz o día de Onte o EX da cal e area non tanto as actuacions durante o tráxico mes de Agosto como á perspectiva que se tiña na oposición e se ten agora no goberno sobor do tema.
A min non me semella un artigo moi agresivo, mais ten unha parte; un especie de "revival" dun artigo escrito durante o 2002 (no medio de outra vaga de lumes) no que se analizan as diversas 'cabezas' da Hidra e no que se sinala unha causa que, podendo existir me semella esaxerada e desnortada como orixe para a estratexia delictiva vivida este veran.
Ven a dicir este afamado persoaxe:
que algunos individuos empeñados en eliminar determinadas especies, habiendo caído en el fanatismo y oportunamente agrupados y organizados, utilizan el fuego para que se repudien ciertas especies de árboles a las que previamente se ha acusado también de pirófitas y se prohiba o limite también su plantación

Empregando na maraña do razonamento unhas manifestacions de ADENA nas que se indicaba que os lumes estaban a ser empregados como "arma" (terrorista digo eu) para que se modifique a política forestal.
Eu nestas liñas vexo unha acusación con nome de organización ecoloxista... e me semella intolerabel que se volte a empregar a maquiavélica táctica que xa se empregou na politica estatal respecto ós que coidamos que a constitucion e os estatutos se deben trocar e que somos incluidos sistemáticamente no mesmo saco que os que empregan a violencia e as armas tratando de nos silenciar.
Non debemos permitilo nen caer no xogo.

Lóstrego nos 21 gr.


Nun lóstrego ollado do mediodia

perdín novamente o equilibrio da vida;

salvado da nada polo fio cortante,

prendido polo pragmatismo e a coherencia debida

MEDITO.

O brilo do sol é a esperanza constante,

O furacan das verbas confunde e compromete.

Vinteun gramos disque nos conteñen,

vinteun gramos e un só instante.

A reflexion Irlandesa...

OUUUUuuuu

No suplemento dominical do diario "El pais" día 21 viña un interesante artigo asinado por Lourdes Gomez e titulado "Los presos y el precio de la paz." No que se fai unha retrospectiva ó acontecido dende os acordos de venres santo en concreto no seu punto 10.

Nas declaracions que se citan no artigo hai enunciados verdadeiramente interesantes que veñen na liña do xa falado sobor dos "principios de Mandela".Como a afirmación de que "a violencia crea victimas e tamén dana a quen a perpetra, Sería un erro crear una xerarquía de victimas. ¿non son victimas tamén os fillos e nais dos terroristas?". O tema dos presos é importánte; pero, como o das victimas, no pode se-lo centro do proceso; pois non existe unha xerarquía da dor.

E digo eu... ¿porqué 'Ansar' non toumou en conta a actitude do seu "amigo" Tony Blair neste tema?; Con artigos coma este e 'movidas' coma a das manifestacions abertzales deste veran ¿non se está a "preparar o terreo" para un proceso negociador sobor do conflicto vasco?.

É hora de aceptar por parte das victimas que é preciso un proceso negociador no que entre o tema dos presos si se queren evitar novas victimas no futuro.

Non vexo con bós ollos que os presos non deberan renunciar persoalmente á violencia nen emitir un comunicado de desculpas; ainda que os feitos (co tempo) fixeron patente estas afirmacions, pois o IRA ten renunciado ás armas e emitiu xa hai tempo un comunicado disculpandose (parcialmente) polo dano causado.

A guerra para evita-la guerra



Durante o cruento mes de Xullo en Londres voltei a afirmar que non se debía permitir que o medo ou o odio rexiran as nosas vidas... Non sabía eu que estaba na liña do afirmado por Timothy Garton Ash nun artigo escrito co galo do cabo de ano dos atentados de Madrid. Nel vense a enuncíar que o meirande combate contra o terrorismo non se libra (como xa sabiamos) no Iraque ou en Afganistan senon nas rúas de occidente; sobor de todo nas dos barrios con forte implantación de inmigrantes. Trátase dunha guerra cotian para "impedir que esas personas quieran ser terroristas". Quen lle ia dicir a este home que no seu pais esa guerra cotian ia sufrir unha derrota tan cruenta o día de San Fermín e que alguns dos seus compatriotas se ian a empecinar en inmolarse pola via da intolerancia.


Neste contexto podo sintetizar as frontes deste combate para evita-la guerra en:

  • Non vivir con medo; se o medo paraliza á nosa sociedade seremos débiles psicolóxica i económicamente.

  • Non vivir con odio. Se os extremistas que queren propagar mensaxes radicais atopan persecucions e xenofobia que os xustifique terán a metade do camiño feito. Non se deben permiti-los guetos, debese fomenta-la integración.

  • Non permitir a restricción das liberdades cidadans (de todos) nen a merma (todo o contrario) desta 'proto-democracia' na que vivimos.
  • Lumes II

    OUUUUuuuu

    Cando escribin a miña opinión sobor dos aspectos da política forestal do pacto de gobernabilidade; xa sinalei que vexo (ignorante de min) moi mal casamento entre os intereses das industrias (papeleiras, serradoiros, eólicos etc.) e a explotación da nosa riqueza forestal sobor de todo os montes de man comun. O conselleiro de medio rural disque deixou quedar ós cadros nomeados polo PP para que estes permaneceran 'calados' nesta situación e por non descabeza-los dispositivos de extinción que, para ben ou para mal, é o que agora temos que empregar.

    Mais a magnitude do que está a acontecer é tal que semella que se está aplicar a coñecida táctica da "Terra Queimada". Con este panorama a presión dos medios sobor dos políticos provoca deslides psicoloxicos (que se cadra non o son tanto) e análises de todo tipo... Un bó compendio deles estan no Scanner de Vieiros. No que semella que estamos caseque todos de acordo é en que esta vaga de lumes ten as súas raices no feito nos derradeiros tempos cos cartos públicos á hora de xestionar a prevención dos lumes, a súa extinción (auténtica 'industria') e os usos dos materiais e terreos afectados; hai que engadir, como sinala este informe do sistema europeo de información sobre lumes forestais (EFFIS)que este ano o risco de lumes ven incrementado pola brutal seca e pola cantidade de material acumulado; agora, temos que engadir os devastadores efectos que terán (cando cheguen) as choivas e o arrastre de todo o material solto ós cauces dos rios e ás rias.

    A Hidra de mil cabezas segue a bramar, apenas podemos ollala sen nos petrificar mais temos que cavilar nelo; é prioritario desenmascarar as causas principais e irlles pondo freo, é prioritario evita-los efectos a longo prazo desta devastación, é necesário reorganiza-la lexislación para que o sector forestal en Galiza adquira a fortaleza que ten en outras zonas non só do estado senon tamén en europa (Suecia, Finlandia...) sen aboli-la diversidade forestal do pais e os usos alternativos e de lecer.
    Peto no valeiro da túa cuncha
    mentres...
    escoita o brilo nacarado do teu sorriso.


    Só vexo a boca negra do puzo
    mentres...
    se ilumina no lume da túa voz.


    ¡Quen puidera sentir o que eu
    cando o intre do silencio chega!.

    Lumes e acordo III

    OUUUUuuuu

    Onte tivemos que pasar por terras de Monterrei camiño de Allariz e contenplamos espantados como os lumes da semana anterior foran pouca cousa comparado co que estaba a pasar; escoitei nas novas que estaban cortadas duas estradas principais e que nese día ian 5000 Ha. queimadas, Será por isto Ourense a "terra da chispa".

    O conselleiro de Medio rural fai declaracions atemperadas sobor de 'pirómanos criminais' mais; eu proclamo que 60 focos de lume diarios durante 4 días non poden recibir outra denominación que ESTRATEXIA (a famosa estretexia rusa da "Terra Queimada?" xuntado esto coa detención de varios pirómanos, entre eles un capataz de cuadrilla contra incendios, a algun sitio nos deberan levar. Namentres coido que a miña compañeira ten razón cando dí que a extensión do próximo incéndio será o que hoxe quede sin queimar...

    O Acordo do 23/7 III



    O tema mais peliagudo ó que se vai enfrontar o goberno bipartito é o do financiamento pois sen cartos para investir (e non me refiro só a obras de infraestructura) non hai estratexias que se podan levar a feitos.

    Pois Pouco espazo se lle adica a este capítulo no acordo mais si que pon en claro os condicionantes (reducción de fondos europeos, kioto, supertaxa) e os criterios (suficiencia, equidade e solidaridade) que van estar presentes nas mesas de negociación. Mais eu coido que hai unha fronte que non se toca i é a do Fraude de feito que cometen moitas empresas galegas ou con actividade principal no país e que pagan os seus tributos fora. Pode que a creación do "consorcio tributario galego" teñá a posibilidade de resolver isto sen deixar de lado a necesidade de loitar contra o fraude que tamén significan as subvencions concedidas a persoas i entidades que non cumplen os fins e condicions para as que reciben eses cartos... deberíamos por en marcha un sistema de denúncia anónima cidadan sobre (por exemplo) as reformas de casas que se fan con fondos públicos que esixen certas condicions e que logo non se cumplen.

    ESTRATEXIA

    Semella que o "sentidiño" ven reflexado no programa en forma dunha estratexia encaminada a formar mellor ó capital humano do pais, darlle a oportunidade de quedar en Galiza exercendo os seus coñecimentos e dar pulo ás iniciativas que engadan vantaxe e valor (I+D+i) industrial, audiovisual, turístico e acuicola-agroalimentario; todo elo dentro dos eixos transversais xa indicados.

    E isto é o que se chama un proxecto de país que me dá ilusión e me fai sentir incrédulidade pola falla de entusiasmo (tal e como publica suso de toro) que se ve na xente; custa facer ver que este troco é un motivo para a ledicia, custa arrincar un brindis pola esperanza; se cadra é como dí a miña compañeira que "estamos esperando que nos defrauden...".
    Dende logo serán as accions do goberno as que nos poñan a andar ós demais ós seus membros corresponde dar exemplo, ter iniciativa e aglutinar vontades ó redor desta estratexia. Ós críticos só lles digo que non son os nomes (por pouco que alguns nos gusten) o que hai que criticar senon os feitos.

    Dos temas específicos de sanidade e deportes falarei nos correspondentes blogs.

    Os acordos II

    OUUUUuuuu

    Onte, quedei sen tempo para todo; antes de seguir quero deixar claro que recoñezo que un acordo coma este feito público non é mais ca unha declaración de itencions e de lealdades mutuas. É de supoñer que hai cousas acordadas e non reflexadas no texto... o que me sorprende son alguns detalles levados a unha grande concreción (como o de Radio4 en galego ou a saida de Ence da ría de Pontevedra) dentro dun texto de trazos macropolíticos.

    Neste aspecto da falla de concreción quero destacar como todo o cacareo respecto do CERA quedou en...
    "Reforma da lei electoral que(...)asi como as garantías de emisión do voto polos electores emigrantes"
    Eu coido que o que os cidadans queremos que nos expliquen é:

  • Que ten que ver o dereito ó voto coa protección consular, sociosanitaria, de vencellamento cultural etc.. dos emigrantes (sobor de todo cos de 3ª xeración).

  • Porqué a estas persoas se lles esixen menos garantias á hora de emiti-lo voto que as persoas que votamos aqui de xeito presencial ou por correo.

    No canto dos medios de comunicación... Vai tardar segundos en convertirse a CRTVG nun instrumento en mans do novo goberno; asi foi sempre e non vexo eu medidas concretas que o remedien.
    O xa comentado con respecto á paridade de xénero se pode comentar respecto á presenza da lingua nos medios(as cuotas obrigatorias son aceptación de inferioridade); outra cousa é que o goberno e os seus organismos dependentes orienten a súa politica de investimentos cara a producción exclusiva de contidos culturais en galego, pois coido que para as produccions en castelan e outras linguas da UE existen fontes de financiamento (público e privado) mais ca dabondo: Nin un céntimo para medios e produccions que non sexan en galego.

    Voltase á idea do 'pacto local' que mais ca pacto debe ser "culebrón" i eu me pregunto: Si cun goberno, unhas diputacions e a gran maioría dos concellos en mans do mesmo partido non se fixo, ¿qué posibilidades hai de conquerilo agora?; non esquezamos que o presidente da FGMP é un dos principais 'damnificados' da derrota do 19 de Xuño. Outra cousa; ¿Porqué non unha nova organización POLITICA do territorio galego?. ¿Onde quedaría a vella reivindicación da desaparición das deputacions provinciais?.
    A elaboración dun Plan Único de Obras e Servizos (anual e/ou plurianual) pode constituir un serio golpe ó poder caciquil das deputacions.

    Dentro do que se veñen a chamar "eixos transversais" nun programa político eu quero destacar 3:

  • A constante referencia ás tecnoloxias da información como medio acceso e interaccion da cidadanía co goberno e as súas accions.
  • A sustentabilidade como factor a ter en conta nas políticas, investimentos e contratacions da administracion autonomica.
  • A coherente intención de 'aplicarse o conto' do reequilibrio territorial dentro da Galiza tal e como se pide con respecto á UE ou ó estado Español.

    Xa me gustará ver a Suarez Canal (pobre, escomenzan a lle chamar "o quemao") conxugando as Leis de Montes e Montes veciñais de man comun cos intereses das industrias eolicas, a industria da serreria de madeira e a industria do moble e; ó mesmo tempo (ainda mais difícil) constituindo un Banco Forestal... Moita madeira que cortar.

    No eido educativo: Non quedou mais remedio que continuar co proxecto de gratiuidade dos libros de texto. Eu coido que eses cartos fan falla coma investimento no sistema público para facer unha oferta complementária de calidade que poña de novo en valor ó ensino público e permita rematar coa vergoña dos centros subvencionados. Por certo, vai ser divertido ver como tentan 'obrigar' a certos "colegios bien" de A Coruña (por exemplo) a aceptar a nenos con necesidades educativas especiais, Caló ou Ecuatorianos...

    Por hoxe vale, só un apuntamento de política xeral: Durante as Nejosiacions secretas lin un artigo do diario 'el pais' que falaba da xenerosidade do PSdG e da habilidade do BNG.. Eu coido que é ó revés: O BNG foi xeneroso (se cadra de mais) ó deixar que os debates do NOVO ESTATUTO quedasen para unha comisión parlamentar co único recoñecimento do "caracter nacional" de Galiza nun marco plurinacional, pluricultural e plurilingüe.
  • Os Acordos do 23 de Xullo

    OUUUUuuuu

    Vou moi xusto de tempo; mais quero deixar esto escrito antes de que os feitos políticos fagan dese acordo 'papel mollado'.

    Xa destaquei como positiva a publicidade do texto e a posta a disposición nas canles actuais de difusión; agora vou desgranalo un pouco dende o meu punto de vista.

    Arrinca o pacto trazando un lazo directo co xérmolo de autonomía truncado polo golpe de estado de 1936, moi na liña do PSdG que manten anualmente a celebración do estatuto republican ainda que logo se declare "constitucionalista e, polo tanto, monarquico". Discrepo no que dí respecto a que o caracter nacional de Galiza fora asumido "sen problemas" dentro e fora do pais... Que llo pregunten a Ibarra e ó seu 'café para todos'. Tamén discrepo no canto de que a revisión do estatuto se faga só coa participación das forzas politicas con representación parlamentária; coido que nesa reforma debe contarse coa cidadanía dende o nivel institucional tal e como o própio acordo dá a entender no apartado 3 que, por certo, dí que o parlamento debe ser mais próximo á cidadanía pero logo non detalla ren sobor de dereitos de información e acceso dos cidadans ó parlamento nen sobror das iniciativas lexislativas populares ou o dereito a convocar referendums vinculantes...

    Sobor das liñas estratéxicas de goberno so comentar como signo que se considere estratéxico o "avance na normalización da nosa lingua" e que o señor Mendez Romeu na sua primeira aparición en público se saltase este punto. I é destacable porque este home formaba parte da comisión que negociou o acordo e coñece a importáncia que esto ten para o seus socios de goberno... se cadra ten realizado algun cálculo sobre a resistencia de Fraga e o PPdG na oposición e quere manter "tensa" a corda co BNG para poder rachar cando atopen apoios dabondo...

    Antes de rematar esta primeira andanada arremeter contra o punto que anuncia a reforma da lei electoral para garantir a paridade de xénero... Aceptar que estas reformas son necesárias é aceptar que existe unha inferioridade; é como se a min me desen unha muleta, eu estaria aceptando certa coxeira, ¿non?. Logo está o tema dos nomeamentos dos escalafons na administración autonómica nos que este 'principio' non e cumple, así as cousas coido que serán os própios pulos e méritos os que nos levarán a igualdade de xénero.

    Signos que non sintomas.

    OUUUUuuuu

    Non me gustaría convertirme nun defensor do goberno da Xunta nin do BNG nin de Anxo Quintana... mais; coido que o feito até o de agora e o dito tanto no seu diario como na executiva nacional deixan ver a firmeza do compromiso e a enorme carga que a responsabilidade asumida significa para este Señor.

    Que o acordo de goberno estivese 'colgado' na web dende o día seguinte ten o dobre significado de lle dar o carácter de contrato público e de trasladarmos á cidadanía (o pobo soberano segundo o ordenamento xurídico) a responsabilidade de controlar ó goberno en base ó seu programa político. Xa non vale a actitude infantil i egoista de "eu voto, que gobernen os políticos" agora, si se artellan os mecanismos axeitados, os cidadans podemos (e debemos) controlar ó goberno nas súas accions.

    Un signo claro da asunción de responsabilidade será (si se produce) o abandono dos escanos autonómicos das persoas nomeadas para as consellerías e incluso as direccions xerais; tamén será un signo de responsabilidade a renuncia a eses postos das persoas que van a encabeza-las candidaturas nas municipais do 2007 pois indicaría a claridade do compromiso co seu concello dos implicados (non coma outros señores deputados en Madrid que non arriscan nada.

    E, ainda que semelle raro; tamén vexo como positivo o mantemento ou "fichaxe" de altos cargos do anterior goberno... si, o que debe primar é a profesionalidade e a capacidade. Está claro que si unha persoa opta a un posto de responsabilidade cunha equipa de goberno pon os seus coñecimentos e a súa vontade a traballar dentro do marco xeral da liña política desa equipa. Queda por ver a lealdade dos implicados ós novos obxectivos e xeitos de facer.

    A VERBA MALDITA.

    OUUUUuuuu

    Non, ainda non estou en disposición de valora-lo acordo do 23 de Xullo; deixareirno para outro 'post'. A miña prioridade diríxese a outro acontecemento de grande calado que se viña albiscando dende hai algún tempo, unha vez que a 'pelota' dos xestos estaba no tellado do Seinn Fein.

    O IRA ordeou a tódolos seus militentes que cesen as accions armadas. Insta ós seus membros a acada-los seus obxectivos por medios exclusivamente democráticos, políticos e pacíficos. Como ben se pode NON LEER non se emprega a verba rendición nen nos seus comunicados nen nos coumunicados dos gobernos Británico e Irlandés. É mais, o goberno británico deu unha resposta sensata (¿pactada?) pechando postos militares no Ulster e anunciando unha desmilitarización en dous anos.

    Outra volta o camiño da PAZ é o do diálogo e a negocición sen armas e sen condicions que desarmen, claro que non vai ser un camiño de rosas mais coido que é o único que leva a esencia da esperanza.

    ¿Cando se dará un anúncio tal por parte de ETA?, ¿Cando se darán as condicions para unha negociación de paz?... Pode que os ventos políticos do estado volten a alimentar este lume; así mo fai ver a insisténcia do PSE-PSOE en arrincar ó PNV das 'garras' do PCTV e o medo que ten o PP de que esto aconteza. Mais ó mesmo tempo as mentes mais federalistas dentro do PSOE teñen a traba dunha ERC moito mais dura do que pensaron e dunha auténtica revolta por parte dos 'barones' mais centralistas (Ibarra, Chaves e Bono ). Neste xogo poden entrar O BNG e Coalición Canaria; mais tamén nos poderíamos ver sorpendidos (como sosteño hai tempo) por unha convocatoria electoral anticipada que afianzase a maioría parlamentar.

    E cando voltei

    e cando voltei das vacacions o fragasaurio non estaba ali...

    Pobre de min...

    OUUUUuuuu

    Prégovos fagades conta de que hoxe é San Fermín.

    Non, non estou de festa. Non, non lle vexo mais "lóxica" que ó acontecido en Madrid. Non, non teño mudado de opinión: Non debemos permitir que o medo ou o odio rexan as nosas vidas, e sego a pensar que unha vez aberta esta 'caixa de Pandora' vai ser dificil pechala pois tamén os nosos gobernantes queren que vivamos con medo.

    Moi interesantes os artigos de Timothy Garton Ash en "el pais" os días 3 e 10 de Xullo.

    Unha pregunta: ¿en que condicions negocia unha organización que 'se rinde'?. Outra ¿En que condicions negocia unha organización ameazada pola violencia?.

    Sen armas e sen renuncias son as negociacions.